
Aspírase a revalidar ou mellorar as tres Flores de Honra obtidas nas dúas últimas edicións do programa.
Dous membros do xurado do programa Vilas en Flor, Jorge Prieto e Manolo Fontán, visitaron esta semana A Laracha co obxectivo de coñecer as actuacións desenvolvidas para a posta en valor dos espazos verdes públicos municipais e obter a información precisa que lles permitirá avaliar a candidatura do Concello para o certame deste ano, no que o Concello aspira a revalidar ou mesmo mellorar as tres Flores de Honra obtidas nas dúas últimas edicións do programa. No percorrido estiveron acompañados polo tenente alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito.
Entre os puntos visitados destacou a urbanización Monte Claro, en Cabovilaño, onde este ano se creou un novo macizo floral formado por unha oliveira no espazo central rodeada de begonias e lobularias marítimas, unha composición que busca combinar a estética co aproveitamento sostible das especies ornamentais nesa área residencial. O xurado tamén coñeceu outros enclaves representativos do municipio, como o Castro de Montes Claros, os paseos fluviais do Anllóns e do Vilán, a área recreativa de Gabenlle, a praza da Areosa de Vilaño, o campo da feira de Paiosaco e os parques Maximino Canedo e O Recreo da capital municipal.
O Concello da Laracha concorre un ano máis, así, ao certame Vilas en Flor, impulsado pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR). O programa ten como finalidade poñer en valor a riqueza natural e paisaxística de Galicia, recoñecendo o compromiso dos concellos coa mellora ambiental, a xestión sostible, o axardinamento e a promoción do uso social e turístico dos espazos verdes.
O Concello da Laracha foi distinguido nas últimas edicións con tres Flores de Honra, un recoñecemento que avala o traballo constante realizado en diferentes ámbitos vinculados á conservación do medio natural, á xestión dos residuos e do ciclo da auga, ao aforro enerxético e á calidade do espazo urbano. A decisión final do xurado darase a coñecer nas próximas semanas, unha vez completadas as visitas a todos os municipios participantes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.