Friday 17 de October de 2025

Marta Abal pide ao PP e ao Goberno da señora Sanmartín “deixar de lado as liortas e traballar en políticas de vivenda pública”


A concelleira socialista acusa ao PP e ao Goberno de Goretti Sanmartín de priorizar a confrontación fronte ás solucións e reclama medidas urxentes para garantir vivenda a prezos accesibles en Santiago.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago, Marta Abal, pediu ao Partido Popular e ao Goberno de Goretti Sanmartín “que deixen de lado as liortas e se poñan a traballar de verdade en políticas de vivenda pública”. Abal lembrou que “o Partido Popular non está en posición de dar leccións neste ámbito, xa que, cando gobernou o Concello, eliminou Emuvissa, a empresa pública de vivenda e solo, que tantos e bos resultados deu”.
Abal criticou tamén a falta de actuación da Xunta de Galicia, “administración con competencias exclusivas en materia de vivenda”, e advertiu de que “o Partido Popular non construíu en Santiago ningunha soa vivenda protexida nos últimos anos”.
A edil socialista reclamou que “o Goberno Local debe poñerse as pilas e actuar con axilidade na cesión gratuíta das parcelas, das Cancelas e da Muíña, como fixo o Concello da Coruña”, xa que “a demanda de vivenda de alugueiro asequible non pode esperar”.
Para o Grupo Municipal Socialista, “as condicións que proceden neste contexto son dúas: primeiro, que todas as vivendas sexan de protección pública permanente; e segundo, que a maioría se destinen a alugueiro a prezos accesibles, de modo que o custo de arrendamento non supere o 30% do salario das persoas inquilinas”.
Abal concluíu que “Santiago necesita colaboración e vontade política, non confrontación nin escusas”.

Deja un comentario