
O Sindicato Labrego Galego e COAG organizan en San Sadurniño un curso gratuíto de compostaxe dirixido principalmente persoas traballadoras, autónomas e desempregadas. A actividade combinará sesións teóricas na Casa da Xuventude con prácticas en Viveiros Gudín, e estará conducida por Ángel Lorenzo, especialista en xestión de residuos orgánicos e compostaxe. O programa desenvolverase os días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro, en horario de 16:00 a 19:00 horas. As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao 687 645 907 ou enviando un correo a tecnicabetanzos@sindicatolabrego.gal. A iniciativa conta co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do programa de Formación Agroalimentaria, e busca formar á veciñanza na xestión sustentable dos biorresiduos.
Durante as sesións, o alumnado poderá coñecer os principios básicos da compostaxe, os tipos de materiais axeitados para compostar e o equilibrio entre materia seca e húmida, ademais de aprender a identificar e resolver posibles problemas —como a prevención de malos cheiros ou a presenza de insectos— que poidan xurdir no proceso. Nas prácticas de campo as persoas participantes poderán poñer en marcha un composteiro e controlar as correctas condicións de temperatura e a humidade para asegurar que o residuo orgánico se converta nun compost de alta calidade para fertilizar plantas e cultivos.
Malia dirixirse principalmente a colectivos específicos -persoas traballadoras, autónomas e desempregadas, segundo informao SLG- a actividade está aberta á participación da veciñanza de San Sadurniño e doutros municipios da contorna, e forma parte dun conxunto de accións promovidas polo Sindicato Labrego Galego para impulsar a economía circular no medio rural e reducir a xeración de residuos mediante prácticas máis sostibles.
O curso chega nun momento clave, xa que a Lei 7/2022 de residuos e chans contaminados para unha economía circular obriga aos concellos a implantar o colector marrón para a recollida da fracción orgánica. Porén, San Sadurniño apostará por unha alternativa máis sustentable e económica: fomentar a compostaxe individual e comunitaria, reducindo así os custos de recollida e transporte, baixando a pegada de carbono e convertendo os restos orgánicos nun recurso útil para o solo.
Neste sentido, e en paralelo coas accións formativas que están levando a cabo o SLG e COAG, o Concello de San Sadurniño iniciará proximamente unha campaña específica de cara á implantación do novo sistema baseado na compostaxe. A Administración local distribuirá unha nova remesa de composteiros e ofrecerá información e acompañamento para empregalos correctamente. Ademais, facilitaráselle cubos específicos ás veciñas e veciños do edificio Villa de la Tranquilidad, co fin de que poidan depositar o orgánico no composteiro comunitario que se instalará nas proximidades do inmoble.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.