Saturday 18 de October de 2025

Últimas entradas para os concertos de Antonio Orozco e Manuel Turizo desta fin de semana no Coliseum


A Coruña será a única parada galega de ambos artistas dentro das súas xiras estatais

O Coliseum da Coruña vivirá unha fin de semana de máxima actividade. Ao partido de Primeira FEB que disputará o Básquet Coruña fronte ao Palmer Básquet Mallorca ás 20.45 horas do venres 17, correspondente á cuarta xornada do campionato, haberá que sumarlle dúas actuacións musicais de primeiro nivel nacional e internacional: Antonio Orozco e Manuel Turizo.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por espectáculos musicais de gran repercusión no Coliseum, que xeran valor no conxunto da cidade”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, que tamén celebrou o éxito das actuacións de Mora e Duki neste mesmo recinto a pasada semana. As últimas entradas para as actuacións de Antonio Orozco e Manuel Turizo continúan á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.

Antonio Orozco regresa este sábado á Coruña coa súa xira ‘La Gira de Mi Vida’, un proxecto no que presentará as cancións do seu último álbum ‘El tiempo no es oro’ e conmemorará os seus 25 anos de traxectoria musical. De novo, A Coruña será a única parada do noroeste do artista andaluz. Pola súa banda, o artista colombiano Manuel Turizo presenta o domingo na Coruña unha xira inmersiva e innovadora inspirada no espazo máis íntimo do seu proceso creativo: o Apartamento 201. Manuel Turizo dá inicio ao show mundial do seu novo álbum “201”, unha proposta que transcende os límites do concerto tradicional e propón unha experiencia multisensorial. O nome do disco fai referencia ao apartamento onde viviu e compuxo gran parte da súa música, un lugar que representa para el liberdade creativa, seguridade, confianza e inspiración.

Deja un comentario