
O Concello de San Sadurniño acaba de ser distinguido, por segundo ano consecutivo, coa Bandeira Verde de Galicia que outorga o Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, como recoñecemento á excelencia na xestión ambiental. O alcalde, Secundino García Casal, recolleu esta mañá a enseña nun acto celebrado no concello pontevedrés de Mos. Á entrega, presidida polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e pola titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asistiron representantes dos 33 municipios galegos galardoados nesta edición pola súa traxectoria e compromiso coa sustentabilidade, a xestión responsable do territorio e a mellora da calidade de vida da veciñanza.
A Bandeira Verde de Galicia é un distintivo creado pola Xunta de Galicia para recoñecer o traballo dos concellos que destacan pola súa implicación na protección ambiental, a posta en valor da paisaxe e o desenvolvemento sostible. A convocatoria deste ano, regulada pola Orde do 12 de marzo de 2025, establece un proceso de avaliación exhaustivo que analiza as políticas e accións municipais en catro grandes ámbitos: mellora ambiental e conservación da paisaxe, prevención e xestión de residuos, eficiencia enerxética e uso racional dos recursos, e sensibilización e participación cidadá.
Cada candidatura é examinada por un xurado técnico do Instituto de Estudos do Territorio, que valora a calidade, continuidade e impacto das iniciativas presentadas. O obxectivo é distinguir aqueles concellos que amosan unha planificación coherente e unha visión integral da sustentabilidade, combinando accións ambientais, educativas e sociais.
Segundo a resolución publicada este martes no Diario Oficial de Galicia, San Sadurniño foi distinguido na categoría 3, correspondente a concellos de menor tamaño, pola súa proposta que incluía un total de 28 accións ambientais, relacionadas coa xestión dos residuos, o aforro enerxético, a xestión responsable e eficiente da auga, o mantemento e posta en valor de espazos naturais ou a implicación municipal na promoción do rural como un medio vivo e cun grande potencial produtivo que non ten por que estar a mal coa sostenibilidade.
O xurado destacou o carácter transversal das políticas do Concello e o feito de superar amplamente os requisitos mínimos esixidos para a súa categoría, o traballo continuado do municipio en materia de planificación ambiental e a implicación activa da cidadanía nas distintas iniciativas.
O alcalde, Secundino García Casal, manifestou a súa satisfacción por este novo recoñecemento e subliñou que a Bandeira Verde de Galicia “é un premio colectivo do que debemos ter fachenda todas e todos, despois de tantos anos apostando por un modelo de desenvolvemento que busca ser sostible e respectuoso co entorno”. O rexedor engadiu que “a sostenibilidade non é unha meta puntual, senón unha forma de entender a xestión pública e a relación co territorio. Estamos nese camiño, xunto con toda a veciñanza”.
Pola súa parte, o concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela, salientou que San Sadurniño “segue a ser un referente, demostrando que desde o rural tamén se pode innovar e poñer en marcha proxectos que compatibilizan a conservación do medio e o desenvolvemento”. O edil explicou que moitas das accións recoñecidas teñen continuidade no tempo e forman parte dunha estratexia global que combina economía circular, enerxía limpa e participación cidadá. “O noso obxectivo é facer de San Sadurniño un modelo de desenvolvemento local sostible, e nesas estamos traballando desde distintas frontes que están moi relacionadas. A redución e a reciclaxe do lixo orgánico por medio da compostaxe doméstica, que vai ser un dos grandes cambios que afrontaremos en breve, o coidado dos espazos verdes como lugares de lecer e educación, a promoción da soberanía alimentaria e dos circuítos comerciais de proximidade… todo está relacionado”, apuntou Varela.
A obtención da Bandeira Verde de Galicia autoriza ao Concello a empregar a bandeira e a imaxe oficial do distintivo durante un ano e supón tamén un mérito específico para acceder a axudas autonómicas en materia de patrimonio natural e xestión de residuos municipais.
Alén de participar na convocatoria da Bandeira Verde de Galicia, San Sadurniño tamén recunca no certame das Vilas en Flor que promove a Fundación Juana de Vega canda asociación de viveiristas ASVINOR e o colectivo de empresas de xardinaría AGAEXAR. O Concello xa enviou a súa candidatura e agarda que en breve se produza a visita do xurado, posto que as Flores de Honra que se conceden como premio simbólico entregaranse o próximo 14 de novembro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.