
O alcalde Ovidio Rodeiro fíxolle entrega dun exemplar editado coas súas memorias, escritas durante a pandemia
O Concello de Boqueixón vén de homenaxear a Carmen de la Fuente Vázquez, veciña de Lestedo, con motivo do seu 100 aniversario. Carmen foi recibida esta mañá no salón de Plenos municipal polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato; a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis; e o concelleiro de Facenda, José Manuel Iglesias Gómez.
Ovidio Rodeiro fíxolle entrega do tradicional ramo de flores e dunha sorpresa moi especial: o primeiro exemplar dun libro coas memorias de Carmen de la Fuente, editado polo Concello de Boqueixón a partir dun escrito elaborado durante a pandemia en colaboración co Departamento de Servizos Sociais. Carmen acudiu ao salón de Plenos acompañado do seu neto, quen se amosaron moi sorprendidos polo emotivo agasallo.
Festa da Filloa
Carmen de la Fuente Vázquez naceu en Lestedo o 13 de outubro de 1925, nunha familia de nove irmáns. Da súa nai conta que tiña un rabaño de ovellas coas que pasaba todo o día no Pico Sacro e da súa vida asegura que “tampouco foi unha vida de rosas. Empecei a vivir cando empecei a cobrar a xubilación”. Traballou de xornaleira e é unha persoa moi implicada coa vida social da súa parroquia, en especial coa Festa da Filloa de Lestedo, lembrando que “eu fun facer filloas ao campo dende que empezou a festa ata que cumprín 90 anos. Recordo cando se empezou: facíanse nas casas. A véspera repartíase polas casas os ovos e a fariña e, ao día seguinte, o Día da Festa, andaban recolléndoas polas aldeas para levalas á festa”.
Así, recorda que “anos despois, como había cubertos no campo da festa, empezouse a facelas alí. Despois pasou a facerse no local social. Cando se facían nos cubertos, facíase con faísca, folla de piño e despois con butano. Anos despois chegaron as máquinas”. “É a mellor festa da comarca”, asegura, lembrando que tamén estivo vinte anos no coro parroquial de Lestedo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.