Tuesday 14 de October de 2025

O Concello ofrécelle á Xunta dúas parcelas máis para destinalas a vivenda pública en réxime de alugueiro


O Concello de Santiago ofreceu á Consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a cesión de dúas parcelas máis á Administración autonómica para destinalas en exclusiva a vivenda pública en réxime de alugueiro.

Complementariamente, o Concello propón un programa autonómico de investimento en adquisición e rehabilitación de inmobles tamén con destino a vivenda pública en alugueiro para compensar a perda de patrimonio da poboación compostelá.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, formulou estas propostas á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, que en días pasados enviou unha carta á rexedora compostelá para interesarse polas parcelas UER5 do SUNP-5 (A Muíña) e a PR4 do SUNP-4 (As Cancelas), nas que se poden construír 62 e 18 vivendas, respectivamente.

Na súa resposta, Goretti Sanmartín manifestou que o Concello concorda na “necesidade urxente de incrementar o parque público de vivenda” e, en concreto, sostivo que “é imprescindible ampliar a oferta na modalidade de alugueiro”, como reflicten os datos do Rexistro único de demandantes de vivenda protexida onde constan 597 solicitantes do noso municipio para esta opción.

O Concello, co proceso de alleamento destas dúas parcelas, pretendía, por unha banda, mobilizar solo para a construción de vivenda protexida e, por outro, obter ingresos para adquirir e rehabilitar edificios. Estes obxectivos parecen coincidir co pedimento que recolle a carta da Xunta e, por iso, o Concello ofrece a cesión destas dúas parcelas co obxectivo de destinalas a aluguer e de que a Xunta impulse un programa de rehabilitación no territorio compostelán.

Goretti Sanmartín expresou a máxima disposición a colaborar e achegar solucións ao problema da vivenda e ofreceu abordar con máxima celeridade a posiblidade de concretar un convenio entre ambas as administracións.

Por outro lado, o Concello ten xa en marcha a cesión de tres parcelas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para vivenda de promoción pública con protección permanente: duas no Castro de Abaixo (para construír 36 vivendas) e unha en Traspaxonal (con edificabilidade para 39 vivendas).

Deja un comentario