Tuesday 14 de October de 2025

A exposición fotográfica “O legado hispánico na Illa de Guam” poderase visitar en Caión do 15 ao 31 de outubro


No centro sociocomunitario, de luns a venres de 17:00 a 20:00 h.

O Centro Sociocomunitario de Caión acollerá desde mañá e ata o día 31 de outubro a exposición fotográfica O legado hispánico na illa de Guam, unha mostra cultural con máis de medio centenar de imaxes das pegadas españolas aínda presentes na Micronesia. Poderá visitarse de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.

O organizador da exposición é Clark Limtiaco, investigador e asesor cultural de Guam, de onde é natural, e a mostra conta co patrocinio do Círculo Cervantino de Guam, cuxo administrador é Manuel Rodríguez.

A illa de Guam localízase no Pacífico occidental. Pertence aos Estados Unidos desde 1898, pero foi territorio español durante máis de tres séculos. Tivo unha gran relevancia nas épocas da exploración e do primeiro comercio global ao ser a escala máis importante na ruta marítima da Nao de China que conectaba os portos hispanos de Acapulco e Manila na Idade Moderna. Por ese motivo conserva a día de hoxe unha cultura mestiza.

Precisamente a exposición permite apreciar esa cultura a través de máis de cincuenta imaxes de elementos arquitectónicos de Guam, da súa gastronomía, danza, vestimenta, tradicións relixiosas e a lingua, incluíndo exemplos, tamén, da influencia galega. A mostra é de similares características e dá continuidade á realizada en Caión hai agora dous anos, pero con imaxes completamente renovadas.

Deja un comentario