Tuesday 14 de October de 2025

Belén do Campo supervisa a vacinación dos 338 nenas e nenos de entre 3 e 11 anos do CEIP Fogar de Carballo que participaron no programa piloto en centros escolares


A delegada da Xunta visitou o CEIP Fogar de Carballo para compartir cos alumnos e profesores a experiencia desta campaña pioneira que ten por obxectivo achegar a vacina a 9.414 nenas e nenos dos colexios seleccionados da provincia da Coruña

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe o CEIP Fogar de Carballo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, para compartir cos alumnos e profesores o inicio dun proxecto piloto de vacinación contra a gripe dirixido a alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e a todos os cursos de educación primaria nos colexios seleccionados de forma voluntaria. Do total de 685 alumnos foron vacinados 338 o que supón unha porcentaxe de case o 50%. Ademais, informou que nesta comarca o mércores 15 de outubro está tamén prevista a vacinación no CEIP Otero Pedrayo da Laracha no que se vacinarán a 334 nenas e nenos..

Este ano, Galicia dá un paso máis na protección da saúde da infancia coa posta en marcha deste programa piloto de vacinación intranasal en 55 centros educativos de Galicia, que ten como obxectivo achegar a vacina a preto de 19.000 escolares de 3 a 11 anos. A iniciativa, impulsada conxuntamente polas Consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, busca reforzar o liderado galego en materia de saúde pública e innovación preventiva.

Nos colexios seleccionados, a vacinación ofrécese de forma voluntaria ao alumnado. A meta é acadar unha cobertura do 70 % entre os nenos e nenas nados entre 2014 e 2022, matriculados nestes centros. En función dos resultados obtidos, a Xunta valorará ampliar o proxecto ao resto dos centros escolares en próximas campañas.

Tal e como se explicou nas reunións informativas celebradas con anterioridade, a vacinación está sendo administrada por equipos de enfermaría das áreas sanitarias, que se están a desprazar aos colexios participantes. Utilizase a vacina intranasal, que destaca pola súa facilidade de aplicación e maior aceptación entre a poboación infantil, ao non requirir inxección.

As familias teñen que asinar un consentimento informado que autorice a vacinación do seu fillo ou filla e entregalo no propio centro educativo. Antes da inmunización, os profesionais sanitarios revisarán a historia clínica dos menores para garantir que cumpren os requisitos médicos necesarios para recibir a vacina.

Campaña xeral

Belén do Campo explicou que a campaña de vacinación infantil fronte á gripe, amplía por primeira vez a súa cobertura a todos os nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos, é dicir, aos nados a partir do 1 de xaneiro de 2014, o que supón un total de arredor de 215.000 menores en toda a comunidade.

Para a posta en marcha da campaña xeral, a Consellería de Sanidade xa enviou os primeiros SMS coas citas de vacinación nos centros de saúde e consultorios correspondentes. No caso das familias que participen no proxecto piloto escolar, non será necesario solicitar cita previa, xa que a administración da vacina realizarase directamente no centro educativo.

A finalidade última desta iniciativa é reducir o número e a gravidade das complicacións derivadas da gripe na poboación infantil, minimizando o seu impacto tanto na saúde dos nenos e nenas como nas súas familias e no conxunto da sociedade galega. A prevención, mediante a ruptura da cadea de transmisión do virus, segue a ser a mellor ferramenta para protexer a saúde pública e fortalecer o benestar comunitario.

Con esta acción pioneira, Galicia dá un novo paso adiante na construción dunha sociedade máis sa, previda e solidaria, consolidando o seu compromiso coa infancia e coa promoción dunha cultura de vacinación segura e accesible para todos.
Centros educativos
O piloto realizarase nun total de 55 centros en Galicia, seleccionados para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais das catro provincias, dos cales 22 son na provincia da Coruña. En concreto, 9 centros pertencen á área sanitaria da Coruña e Cee, o CEIP Eusebio da Guarda, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR Plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros) ofrecen a vacinación voluntaria a 5.325 nenas e nenos.
Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza son 11 os colexios participantes no programa piloto de vacinación nos centros escolares son: CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR Plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP Plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR Plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR Plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR Plurilingüe María Inmaculada (Silleda). En total, ofrecerase a posibilidade de vacinarse a 3.675 alumnas e alumnos,
Na área sanitaria de Ferrol os centros educativos participantes no programa son o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol, ofrecendo a posibilidade de vacinarse a 414 nenas e nenos.

Novidades
Belén do Campo lembrou que a campaña 2025-2026 presenta, como principais novidades, a ampliación da cobertura antigripal nos maiores e na infancia e que non se habilitarán grandes recintos.
Polo que respecta ás persoas maiores, Belén do Campo apuntou que a Xunta decidiu administrar a vacina antigripal de alta carga tamén ao grupo de idade de 70 a 79 anos despois de que o ensaio clínico Galflu demostrara que reduce as hospitalizacións por gripe case nun 32 % en comparación coa vacina estándar.
Do mesmo xeito, os maiores de 80 anos, os residentes en centros sociosanitarios e persoas inmunodeprimidas seguirán a recibir as doses reforzadas contra a gripe como ata agora.
Vacinación en centros de saúde
Belén do Campo tamén lembrou que esta campaña non será preciso recorrer á habilitación de grandes recintos e a organización da vacinación realizarase exclusivamente a través da rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, cos centros de saúde como puntos principais.
Os cidadáns están a ser citados por mensaxe sms de forma proactiva as persoas desde 60 anos e os nenos desde os 6 meses aos 11 anos, agás aqueles que participen no programa piloto de vacinación escolar.
O resto de grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da App Sergas Móbil.
Belén do Campo destacou compromiso da cidadanía galega coa vacinación e que quedou demostrado na última campaña, na cal Galicia volveu ser líder nas taxas de cobertura tanto en gripe como en covid. De feito, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia foi dun 71 %, fronte ao 58,4 % en España; e dun 65,7 % na vacinación infantil, superando con creces o 48,1 % da media estatal.

Deja un comentario