
O Centro cívico de Neda, acolle dende este venres a mostra itinerante “O fin do Camiño”, organizada polo Colectivo Egeria, coa colaboración da Xunta de Galicia. A exposición, con imaxes dos fotógrafos galegos Eduardo Ochoa e Carlos Puga, reflicte unha visión dos Camiños a Compostela, centrada nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros.
A exposición, que percorreu nos últimos anos numerosas vilas e cidades de Galicia e do resto de España, chega neste ano 2025 a oito localidades do Camiño Inglés, entre as que se atopa Neda, onde permanecerá ata o xoves 23 de outubro.
Os textos da mostra abordan o tema do fin do Camiño como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino a emprender a ruta de peregrinación, tendo capítulos especiais, para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz, entre outros.
Cada un dos paneis que integran a colección conta con brevísimas glosas do Camiño, realizadas por escritores e intelectuais do máis variado, dende Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Pondal ata Urbano Lugrís, pasando por figuras universais como Cervantes ou Dante Alighieri.
A exposición, dirixida especialmente a peregrinos e peregrinas, conta cos textos en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, e poderase visitar de luns a venres, no Centro cívico da vila, en pleno Camiño Inglés, de 10 a 12 e de 16:30 a 20:30 horas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.