Tuesday 14 de October de 2025

A Orquestra Gaos presenta a súa programación, con cinco actuacións na Coruña


A Orquestra Gaos presentou esta mañá a programación da súa 17ª tempada, que contará con cinco actuacións na Coruña. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na presentación, que tivo lugar no Teatro Colón, un dos espazos nos que se desenvolverá esta temporada.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos apoiando, un ano máis, a unha das formacións sinfónicas de referencia en Galicia, que nos permite enriquecer a nosa programación cultural”, sinalou Gonzalo Castro, que estivo acompañado polo director artístico e musical da Orquestra Gaos, Fernando Briones. Tamén participaron na rolda de prensa o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o concelleiro de Cultura do Concello de Cambados, Liso Xironsa.

A Orquestra Gaos segue a destacar polo seu carácter aberto, colaborativo e educativo, ofrecendo oportunidades a solistas galegos e mozos talentos, impulsando o traballo con fundacións, asociacións e escolas artísticas, e contando co apoio constante dun numeroso grupo de socios e colaboradores que fan posible o seu crecemento ano tras ano, engadindo este ano unha segunda sede no Concello de Cambados.

Unha das grandes novidades da programación será a vertente formativa da man de Andrea Vilar, quen continuará achegando a música ao público a través de introducións didácticas nos concertos, unha maneira de facilitar a escoita, romper prexuízos e demostrar que a música clásica “para nada está pasada de moda” e pode ser un espazo único para emocionarse e abrirse a novas experiencias.

Programación da tempada

Ismael Serrano Sinfónico | 14 de decembro, 20.00 horas | Palacio da Ópera

Un encontro entre o mundo da canción de autor e a música sinfónica, nun formato que revisa algunhas das pezas máis emblemáticas da traxectoria do cantautor madrileño, acompañadas polo son e a forza da Orquestra Gaos.

De Película! | “2 de decembro, 20.30 horas | Palacio da Ópera

O tradicional concerto solidario de Nadal en colaboración coa FIBS Padre Rubinos, o Coro Gaos e a Escola de Danza Druida. Un percorrido por bandas sonoras inesquecibles de filmes como ‘Star Wars’, ‘Avatar’, ‘ET’, ‘Forrest Gump’ ou ‘Cómo entrenar a un dragón’, que combina música, emoción e solidariedade.

Futuro | 1 de marzo de 2026, 19.30 horas | Teatro Colón

Unha aposta polo talento das novas xeracións, coa participación dos gañadores do Concurso das II Xornadas de Frauta de Galicia: Álvaro Martínez Ruiz, Sofía Vidal e Celia Órpez. Tres mozos intérpretes galegos, de entre 10 e 15 anos, que interpretarán obras de Gluck, Chopin e Borne, acompañados pola Orquestra Gaos, que completará o programa coa ‘Guía de orquesta para jóvenes de Britten’.

Rossini | 19 de marzo de 2026, 19.30 horas | Teatro Colón

Un programa centrado na figura de Gioachino Rossini, coñecido pola súa brillante produción operística pero tamén polo seu humor e frescura na música instrumental. O fagotista Esteban García interpretará o Concerto para fagot e orquestra, completando o programa coa suite ‘La boutique fantasque’ de Respighi sobre temas do compositor italiano.

Groove! | 28 de xuño de 2026, 19.30 horas | Teatro Colón

O peche da tempada estará marcado polo ritmo, a vitalidade e a enerxía do continente americano. Obras de Bernstein, Galliano, Copland e Márquez conforman un programa cheo de cor e movemento, coa participación do acordeonista Nuno Estévez como solista.

Deja un comentario