
• A obra, que se realiza en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, adxudicouse por 59.125 euros e espérase que estea rematada a finais deste mes.
O Concello de Ponteceso, en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, está a executar unha importante obra de mellora na cantina do Campo de Fútbol do Cairo, en Corme-Porto. O proxecto, adxudicado por un importe de 59.125,90 euros, ten como finalidade modernizar e facer máis accesible este espazo, mellorando o confort e a funcionalidade para os socios, simpatizantes e afeccionados do Corme C.F.
En vista das deficiencias detectadas nas instalacións actuais, o proxecto contempla a substitución completa da cuberta, da estrutura e dos peches, así como o peche frontal mediante unha carpintería acristalada, que permitirá gozar dos eventos deportivos ao tempo que se está protexido do vento e da chuvia. Ademais, prevese a renovación total das instalacións de electricidade, iluminación —que será máis eficiente grazas ao uso de luminarias LED— e fontanería.
O novo espazo contará tamén cun pequeno almacén, unha barra con fregadeiro e unha sala destinada a reunións e exposición de trofeos, o que converterá a cantina nun lugar máis funcional e acolledor para o uso social e deportivo.
Con esta actuación, o Concello de Ponteceso reafirma a súa aposta por mellorar e modernizar as instalacións deportivas municipais, ofrecendo espazos de calidade tanto para a práctica deportiva como para o encontro da veciñanza.
O alcalde, José Manuel Mato, agradece “a comprensión dos usuarios e veciños polas posibles molestias ocasionadas durante as obras”, que se prevé que estean rematadas a finais deste mes. Engade o rexedor que “o deporte e o apoio aos clubs e eventos deportivos de Ponteceso sempre terán no Concello o seu principal aliado”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.