Tuesday 14 de October de 2025

“O Museo de Historia Natural Ferrol, un museo cidadá” protagoniza este xoves a primeira charla do ciclo Contando Ciencia deste curso


A conferencia terá lugar este xoves, 16 de outubro, ás 19.30 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con entada libre e de balde. E correrá a cargo do delegado da SGHN-Ferrol Xan Rodríguez Silvar. No devir desta charla, o biólogo, naturalista e activista ambiental falará das orixes e da historia do museo ferrolán que naceu “como resultado da actividade de decenas de socios e colaboradores da entidade e que, na actualidade, ten unha das mellores coleccións naturistas da península ibérica”.

Xan Rodríguez Silvar foi un dous fundadores da SGHN. Rodríguez Silvar, xunto cun grupo de estudantes de Bioloxía, puxeron en marcha esta institución pioneira en Galicia, coa que querían fomentar o coñecemento, a divulgación e a defensa do medio ambiente galego, algo completamente raro na época.

Formou parte desde 1973 do grupo Ornitolóxico (GOG) que logo se transformou na Sociedade Galega de Historia Natural, en 1976, e da que foi secretario daquela. En 1979 celebrouse a primeira xuntanza da entidade.

O museo, segundo lembran, “foi un milagre”. Nel mesturouse a ilusión dunha asociación e dos sucesivos representantes da cidade, que apoiaron a súa creación e desenvolvemento coa cesión de locais e fondos públicos. En 1983, a SGHN en Ferrol xa tiña un alto valor social e a corporación cedeu por convenio un precario local na praza de Amboaxe, “e alí estivemos ata o 2005 que foi cando o museo se trasladou para a Casa do Coronel, no cuartel de Sánchez Aguilera, cedido por Defensa en uso e custodia ao Concello de Ferrol.

O ciclo Contando Ciencia naceu “co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral”. Aberto a todo tipo de público, todas as conferencias teñen lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta. Ciclo organizado pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene. Coordina a mestra Violeta Miraz Seco.

A vindeira charla deste ciclo será o 20 de novembro e, nela, a doutora en Medicina e investigadora da Fundación CRIS contra o cancro Ceres Fernández Rozadilla falará sobre o tema:”Está o cancro escrito nos nosos xenes? Benvidos á xenómica”.

Deja un comentario