
Patricia Iglesias asegura que a Xunta é a responsable do bloqueo da ampliación do polígono industrial da Sionlla, que leva cinco meses paralizado debido á “incompetencia” da administración autonómica, ao tardar ese tempo en enviar a documentación requirida polo Ministerio de Transportes.
A deputada socialista no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, acusou á Xunta de Galicia de mentir sobre os motivos do retraso na ampliación do polígono industrial da Sionlla, en Santiago de Compostela. Segundo afirmou, o Goberno galego intentou responsabilizar ao Executivo central, pero a documentación oficial amosa que a demora se debeu á propia administración autonómica.
Iglesias explicou que o Ministerio de Transportes, a través do departamento de Autoestradas, emitiu un informe técnico o 23 de maio de 2025 no que pedía información complementaria á Xunta, “e a realidade é que esa documentación non se enviou ata o 2 de outubro, coincidindo, que casualidade, coa comparecencia parlamentaria da directora xeral de Solo Industrial”.
A parlamentaria do PSdeG asegurou que “se perderon cinco meses por culpa da incompetencia da Xunta” e que agora o Goberno galego tenta “culpar a outros do atraso”. Engadiu que o proxecto de ampliación “está parado porque Xestur e o Goberno galego non fixeron os deberes”.
A deputada advertiu ademais de que “as empresas que queren instalarse en Compostela seguen esperando por solo industrial, porque xa non hai”, e lamentou que a falta de planificación estea a frear o desenvolvemento económico da cidade. “Menos propaganda e máis traballo, menos mentiras e máis transparencia. Galicia non pode avanzar con gobernos que manipulan e esconden a verdade”, concluíu Iglesias.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.