Monday 13 de October de 2025

A Xunta de Goberno dá luz verde á mellora da drenaxe na avenida do Cruceiro da Coruña


A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, deu conta dos principais asuntos aprobados pola Xunta de Goberno local

A Xunta de Goberno local aprobou este luns o proxecto para unha intervención de mellora da drenaxe na avenida do Cruceiro da Coruña, cun orzamento base para a licitación de 66.257,26€ (IVE incluído) e un prazo de execución de dous meses.

A portavoz do Goberno local, Míriam Louzao, explicou en rolda de prensa que esta actuación se realizará nunha soa fase e que ten un carácter “puntual e urxente” que terá continuidade no “proxecto máis amplo” que o Concello ten preparado para esta rúa.

A actuación afectará ao bordo exterior do tramo comprendido entre os números 185 e 191 e afectará unha superficie aproximada de 600 m2 para resolver as deficiencias derivadas do esgotamento do firme e do deterioro dos elementos de drenaxe superficial.

Louzao deu conta doutros asuntos de interese aprobados pola Xunta de Goberno, coma a licitación por procedemento aberto simplificado da dirección facultativa das obras do Centro de Maiores na rúa de San Pedro de Mezonzo, cun orzamento base de 102.487,00 € (IVE incluído).

Por outra banda, o Concello adxudicou o servizo de execución dunha campaña de promoción, formación, difusión e seguimento da compostaxe de biorresiduos, financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) a SIHAHO CONSULTING SLU, que presentou unha oferta económica de 38.907,86 € (IVE incluído) e unha ampliación de tres unidades de promoción da compostaxe escolar ou de accións grupais para familias nas illas de compostaxe comunitarias e 15 accións formativas, de difusión e seguimento de composteiros individuais.

Contratacións

Dentro das contratacións, autorizouse o expediente para licitar o servizo de análise de mostras e emisión de informes nas probas de drogas realizadas para os casos establecidos na Lei de seguridade viaria. Dedícase a este contrato un orzamento base de 26.136 euros para dous anos de duración. As licitadoras terán 10 días hábiles para presentar ofertas.

Aprobouse, así mesmo, o expediente para contratar a subministración de tres lotes de vehículos para o parque móbil municipal. O lote I un inclúe un vehículo tipo turismo ou SUV eléctrico ou híbrido. O lote II pretende obter tres vehículos eléctricos ou híbridos tipo turismo. E o lote III, a subministración dunha furgoneta, tamén eléctrica ou híbrida.

Adxudicaranse por procedemento aberto simplificado e dentro do orzamento máximo de 152.403,69 €. O periodo de ofertas é de 15 días naturais a partir do día seguinte da publicación dos pregos.

A portavoz do Goberno local informou tamén da aprobación do expediente para contratar unha asistencia técnica para elaborar os estudos e documentos que cumpran no proceso de licitación de instalacións deportivas. “Con este servizo preténdese un acompañamento nos estudos de viabilidade económica e na estruturación da forma de xestión das grandes infraestruturas deportivas”, detallou. O orzamento para este contrato é de 65.544,72 (IVE incluído) e licítase por procedemento aberto simplificado.

Subvención a Ourives de Compostela

No tocante ás axudas e subvencións, aprobouse o convenio coa Asociación de Artesáns e Comerciantes Ourives de Compostela que recolle a colaboración municipal co plan estratéxico deste gremio tradicional para implantar un laboratorio de contraste de metais preciosos. Este convenio está dotado con 20.200 euros.

Aprobouse tamén o convenio de colaboración coa Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa Os Escaravellos Clube Ciclista, dotado con 16.000 euros, para o desenvolvemento da primeira marcha cicloturista Compostela Eurovelo.

Finalmente, acordouse ampliar o prazo de xustificación das axudas ás actividades de promoción e dinamización comercial, que remataba o 15 de outubro e pasa a ampliarse ata o 10 de novembro.

Licenzas

Dentro dos puntos relativos a licenzas urbanísticas aprobáronse as seguintes:

– Rehabilitación dun edificio para 5 vivendas na rúa das Rodas, 30.

– Rehabilitación da envolvente enerxética do edificio situado na rúa de Ramón Cabanillas, 10-12.

– Reforma de fachada para aplicación de SATE no edificio sito na avenida de Quiroga Palacios, 28.

– Adaptación da cuberta á normativa urbanística no edificio situado na rúa do Hórreo, 50-52.

En relación coa vivenda, tamén se aprobou inicialmente a subvención correspondente á fase 9 de Vista Alegre para as actuacións de rehabilitación no edificio do número 10 da rúa Vila de Rianxo. O importe total da axuda é de 85.611,26 (IVE incluído) e afecta a 23 vivendas.

Solicitude de declaración de zona residencial tensionada

Por outra banda, a portavoz do Goberno local confirmou que o Concello vai presentar unha nova solicitude ante a Xunta co obxectivo de que Santiago sexa declarado “canto antes” zona residencial tensionada en beneficio da cidadanía. Nese sentido, sinalou que se realizará unha nova memoria xustificativa recollendo “todas as medidas correctoras que demanda a Xunta”.

Deja un comentario