Friday 22 de November de 2024

Galicia pecha marzo cunha redución do paro dun -8,07% con respecto a 2015


A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou hoxe que as persoas sen emprego diminuíron con respecto ao mes anterior en 3.471 persoas, encadeando catro anos consecutivos de baixada do paro nun mes de marzo

Galicia rexistrou en marzo unha diminución do paro rexistrado con respecto a 2015 de 20.340 persoas desempregadas, o que supón un descendo do -8,07% na evolución interanual e a segunda maior baixada de toda a serie histórica, é dicir, desde o ano 1996. Con respecto ao mes anterior, o desemprego tamén descendeu nun 1,48% (-3.471 persoas), encadeando catro anos consecutivos de baixada do paro nun mes de mazo.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe estes datos afirmando que é o vixésimo noveno descenso consecutivo interanual polo que subliñou que grazas a esta evolución, “a nosa Comunidade sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 6 anos”, é dicir, a marzo de 2010 cando había 236.449 persoas sen emprego fronte ás 231.797 contabilizadas a peche do pasado mes de marzo.

Con respecto ao Estado, Galicia presenta un mellor comportamento tanto en termos interanuais (baixa o paro en 0,05 puntos máis que o Estado) como en relación co mes pasado (un 0,08%).

En canto ás afiliacións, medraron este mes nun 0,54% máis que en febreiro, e un 1,89% en relación co mesmo mes do ano anterior. Toca salientou que xa son 24 subidas consecutivas desde abril de 2014 nas que Galicia rexistra unha taxa interanual positiva en termos de afiliación, síntoma de que a comunidade está “no camiño da recuperación”.

Por sectores, a baixada do desemprego prodúcese en todos eles, sendo a industria onde máis descende na evolución interanual, nun -14,10%, seguido da construción cunha redución do -13,57%.

Por provincias, o paro rexistrado descendeu nas catro rexións galegas con respecto a hai un ano e ao mes anterior. O maior descenso en termos interanuais correspóndelle á da Coruña con -8.531 persoas menos sen emprego que en marzo de 2015 (-8,62), seguida da provincia de Pontevedra (-8,03%), Lugo (-7,10%) e Ourense (-7,09%).

A Comunidade autónoma continúa coa tendencia positiva destes datos de paro rexistrado. A secretaria xeral de Emprego indicou que “aínda que estamos no camiño da recuperación económica queda moito por facer” e, deste xeito, salientou que o Goberno galego vén de activar a Axenda 20 para o Emprego para que “en Galicia haxa cada vez menos persoas sen un posto de traballo, impulsando a estabilidade e calidade laboral”.