Monday 13 de October de 2025

O PSTD da Ría de Muros Noia construirá unha pasarela peonil en madeira de 360 metros para mellorar a seguridade dun tramo no itinerario entre Porto do Son e o Castro de Baroña


O presidente da Ría da Estrela, Luís Oujo, e o tesoureiro da entidade, Francisco Pérez, asistiron ao acto de replanteo dos traballos, nos que se invisten case 220.000 euros e que darán comezo en breve

O presidente da Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría da Estrela e alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, e o tesoureiro da entidade e alcalde de Noia, Francisco Pérez, veñen de asistir ao acto de replanteo das obras de construción dunha pasarela peonil en madeira para mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade dun tramo existente entre Porto do Son eo Castro de Baroña. Uns traballos incluídos dentro das actuacións recollidas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Ría de Muros Noia e que suporán un investimento de 218.919,34 euros, financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.

Esta actuación pretende mellorar o proxecto de posta en valor do borde litoral entre Porto do Son e o Castro de Baroña acometido polo Concello de Porto do Son no ano 2014. O tramo sobre o que se vai actuar ten una lonxitude aproximada de 360 metros, paralelo á AC-550. Iníciase na saída do núcleo urbano de Porto do Son e finaliza nun pequeno promontorio sobre “A Cova do Fonforrón”, un punto dende onde se accede a un antigo camiño que sigue o itinerario pegado aos cantís que dan sobre a praia do Fonforrón.

“Trátase dun tramo que conta con beirarrúa pero moi estreita, contando cun ancho de 70 centímetros nalgúns dos seus puntos onde apenas poden cruzarse dous peóns e tamén supón moita dificultade e perigo para o tránsito de persoas en cadeira de rodas”, explica Luís Oujo. Para melloralo, construirase unha plataforma voada en madeira pola parte exterior e ao mesmo nivel que a beirarrúa existente, de forma que os peóns estarán protexidos polo pretil de granito. Así, a nova plataforma terá un ancho de aproximadamente 1,7 metros ao longo de todo o tramo.

“O obxectivo é potenciar este tramo litoral a través de estratexias brandas e sostibles, favorecendo así o tránsito das persoas de mobilidade reducida e dos grupos, fundamentalmente escolares, permitíndolles desfrutar das fermosas vistas do noso litoral e evitarlles o risco de transitar polo arcén da AC-550”, apunta o presidente da Ría da Estrela.

Obras a acometer

Luís Oujo e Francisco Pérez estiveron acompañados no acto de replanteo das obras por Marcial Rodríguez, de RVR Arquitectos, redactor do proxecto e director da obra; David Gómez, responsable de seguridade destes traballos; e dun representante de Excanando SA, empresa adxudicataria das obras. Aló comprobaron que o tramo da actuación conta cunha beirarrúa pavimentada en formigón cuns anchos variables entre os 70 e os 173 centímetros. Beirarrúa que está delimitada, na parte que dá ao mar, por un pequeno petril de granito de 50 centímetros de altura e 40 centímetros de ancho, que apoia sobre a coroación dun muro de contención de mampostería que conforma a plataforma da AC-550.

O proxecto contempla a construción dunha pasarela pola parte exterior deste petril, de forma que serva de separación e protección do espazo peonil da pasarela con respecto á estrada. Para evitar a construción de piares sobre os terreos que delimitan o muro de contención, empregarase un sistema construtivo de vigas prefabricadas de formigón en voadizo, cun espesor de 18 centímetros e cun voo duns 171 centímetros, que se anclan a unha cimentación de formigón armado que actúa de contrapeso.

Sobre estas vigas apoiarán unha serie de viguetas de madeira laminada de piñeiro vermello, mentres que o pavimento da pasarela farase con taboleiros de madeira de pino vermello, sobre o que se aplicará un tratamento antideslizante. Finalmente, construirase unha varanda, tamén en madeira maciza de Piñeiro vermello.

Estas obras están recollidas no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) da Ría de Muros Noia, que buscan poñer en valor os recursos e os atractivos da zona. O plan contempla actuacións por un importe de 2,3 millóns de euros, financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU, e catro eixos de acción: transición verde e sostible, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

Deja un comentario