Monday 13 de October de 2025

O Concello investirá máis de 6 millóns de euros en renovar e edificar novos equipamentos deportivos nos barrios da cidade


Inés Rey presentou hoxe o Plan de Mellora de Equipamentos Deportivos, que inclúe a construción de seis novas pistas multideporte ao aire libre en Monte Alto, Durmideiras, o Barrio das Flores, a Urbanización Breogán e a contorna da Cubela e Lonzas

Unha cuarta parte dos fondos correspondentes á primeira fase permitirán sufragar melloras nos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias

A alcaldesa, Inés Rey, presentou hoxe a folla de ruta que seguirá o Concello ao abeiro do Plan de Mellora dos Equipamentos Deportivos nos barrios, unha iniciativa de carácter progresivo que, nesta primeira fase, contempla investimentos por valor de 6,2 millóns de euros en diversos distritos da Coruña.

Rey apuntou que, mentres se avanza na redacción do Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos —concibido cunha mirada de medio e longo alcance e aberto á participación cidadá—, “o Goberno municipal traballa para ir dando resposta ás necesidades inmediatas da Coruña en materia de renovación ou novas instalacións”.

Neste sentido, unha cuarta parte dos fondos consignados ao Plan destinaranse a mellorar os vestiarios da Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias. Serán 1,5 millóns, que se sumarán a investimentos xa executados previamente, como a renovación do tapete artificial do Campo 1 e as melloras de accesibilidade que se concretaron este ano nas gradas e os percorridos peonís do complexo deportivo.

As actuacións, tal e como agregou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, tamén se estenderán aos sistemas de auga quente do Palacio dos Deportes de Riazor e aos campos de fútbol de Visma. Nestes últimos, o Concello ten previsto destinar máis de medio millón de euros a renovar os tapetes de céspede artificial, previsiblemente no ano 2026.

Outros 269.000 euros permitirán mellorar os sistemas de auga quente no campo de fútbol da Leyma e, a maiores, o Concello estima en 275.000 euros o investimento necesario para adecuar e mellorar o campo de xogo das vivendas Virxe do Carme, en Labañou.

Novas instalacións deportivas ao aire libre

Entre as novidades máis destacadas do Plan está a renovación e creación de novas pistas multideporte entre os diversos barrios da cidade, especialmente naqueles que, a día de hoxe, carecen destes equipamentos ao aire libre.

É o caso de Monte Alto, Durmideiras, o Barrio das Flores, a Urbanización Breogán e a contorna da Cubela e Lonzas. Será aquí onde se prevé habilitar seis novos equipamentos que, ao igual que a nova pista dos Rosales —inaugurada antes deste verán— e a da Silva, permitirán a práctica simultánea de disciplinas deportivas diversas, como baloncesto, balonmán e voleibol. Os investimentos específicos para cada unha de elas oscilarán entre os 125.000 e os 280.000 euros.

Ademais, tamén se reformará a pista de Nosa Señora de Fátima, na Sagrada Familia. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, apuntou que “o Concello actuará para modernizar unha instalación que é moito máis que unha infraestrutura deportiva. Tamén é un núcleo de convivencia e integración veciñal, tal e como lembrou Álex Bergantiños na lectura do pregón polas festas do barrio este mesmo verán. Isto non é unha cuestión menor.
Cando se crean equipamentos públicos deste tipo hai un efecto positivo e dinamizador no conxunto do barrio, que contribúe a tecer relacións entre as persoas residentes, a coidarse mutuamente e, en definitiva, reforzar a identidade veciñal”.

Neste sentido, o Goberno de Inés Rey ten en conta a evolución demográfica de barrios en crecemento, como Xuxán. Por iso, o Plan contempla un investimento de 375.000 euros para a futura área multideporte da Cidade das TIC, moi preto de Xuxán mais tamén de barrios como Eirís e Palavea, aos que tamén poderá prestar servizo pola súa cercanía.

Melloras en pavillóns polideportivos municipais e equipamentos novidosos

Nesta primeira fase do Plan, o Concello tamén ten sobre a mesa actuar en pavillóns municipais como o da Sagrada Familia, ao que se destinarán máis de 630.000 euros. Non será o único recinto pechado no que se intervirá, porque tamén se prevé reformar a cuberta do pavillón municipal do Ventorrillo.

Ademais, o Goberno de Inés Rey tamén sumará equipamentos e espazos destinados a disciplinas deportivas á alza, como o surf. Por iso, consígnanse 60.000 euros para crear un local de promoción deste deporte acuático a carón do Matadoiro.

Deja un comentario