
— Arranca un proxecto piloto para inmunizar a 19.000 alumnos de Infantil e Primaria de 55 colexios de toda Galicia
— Comeza tamén a campaña xeral para a poboación infantil nos centros de saúde
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, supervisou hoxe a posta en marcha dun programa piloto de vacinación infantil contra a gripe por vía intranasal nos colexios co que o Executivo autonómico busca chegar a 19.000 rapaces de entre 3 e 11 anos.
Rueda, acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asistiu ao inicio da campaña de vacinación no CEIP Camiño Inglés de Sigüeiro (Oroso). Trátase dun programa pioneiro que permitirá que, de xeito voluntario, os alumnos de Infantil e Primaria de 55 colexios de Galicia poidan ser vacinados contra a gripe nos seus propios centros por persoal de enfermería das áreas sanitarias.
O Servizo Galego de Saúde opta pola vacinación por vía intranasal que evita pinchazos e ten o obxectivo de acadar unha cobertura do 70% entre os rapaces nados entre 2014 e 2022 que estean matriculados nos centros que participan no proxecto piloto.
En paralelo, hoxe arranca a campaña de vacinación infantil contra a gripe de carácter xeral en todos os centros de saúde da comunidade. Vai dirixida aos cativos entre 6 meses e 11 anos. As familias recibirán un SMS coa cita correspondente que non será precisa no caso de participar na vacinación piloto en centros escolares.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.