Monday 13 de October de 2025

Mila Castro pide “planificación” na limpeza do cancelón de Belvís para evitar inundacións na rúa do Olvido


• A concelleira non adscrita denuncia o estado de abandono do regato do cancelón e pide actuar antes de que cheguen as chuvias

• Pide tamén que se atendan as demandas veciñais para mellorar as instalacións do parque canil coa instalación de bancos, fontes e corte regular da herba.

As concelleiras non adscritas denuncian o estado de abandono do regato do cancelón de Belvís e piden que se acometa a súa limpeza ante o risco de que esta falta de mantemento poida supor inundacións da rúa do Olvido cando cheguen as precipitacións. “Pedimos planificación e que, canto antes, se acometan os traballos de limpeza do regato, corte de maleza e retirada de pedras para previr desbordamentos perfectamente evitables” explicou Mila Castro.

Castro criticou ademais o estado xeral de Belvís e pide que os traballos de mantemento se fagan extensivos a todo o parque “e constantes durante todo o ano”: “este é un exemplo máis do desleixo no mantemento das zonas verdes do noso concello”. Acusa ao executivo local de “descontrol” sobre a empresa concesionaria responsable da limpeza e mantemento dos espazos verdes e pon o foco na presencia de maleza apuntando que “as ortigas xa teñen reemplazado o céspede”.

Queixas das persoas usuarias do parque canil

Xa nos últimos días sucedéronse as críticas por parte das e dos usuarios habituais do parque de Belvís, sobre todo no referido ao estado no que se atopa o parque canil, onde xa se poden ler carteis colocados pola veciñanza da zona reclamando “dignidade para o parque canil” e denunciando que, despois de varios meses pedíndolle ao goberno local melloras no parque, o estado xeral de abandono persiste.

Neste sentido, Mila Castro reivindica as reclamacións veciñais e pide que se instalen bancos para descansar, que se procure realizar o corte regular da herba e que se instalen fontes para cans e persoas: “son peticións lóxicas, que responden a un uso social responsable desta zona verde e que, polo tanto, deben atenderse para que este parque siga funcionando como elemento de socialización do barrio”.

Deja un comentario