O Concello de Brión vén de dar a coñecer o seu programa de formación para adultos dos meses de abril e maio, que inclúen dous cursos de informática e un novidoso curso de iniciación á lingua de signos. Trátase dun curso de dous meses de duración que tería lugar todos os luns e mércores dos meses de maio e xuño, en horario de 20:30 a 21:30 horas, no centro social polivalente.
O curso ten un prezo de 60 euros e comeza dende cero, polo que non se require ningún nivel previo de coñecementos para realizado. Está especialmente dirixido a profesores, logopedas, traballadores sociais, animadores e persoas que traballen cara o público ou desexen ampliar os seus coñecementos de comunicación non falada. O curso empregará unha metodoloxía fundamentalmente dinámica e participativa, onde a aprendizaxe será por imitación co obxectivo de proporcionarlle ao alumnado os coñecementos básicos sobre a Lingua de Signos Española. Máis información e inscricións na Casa da Cultura ou no teléfono 981 509 908 antes do 22 de abril.
Por outra banda, a Aula Cemit de Brión continúa cos seus cursos formativos. Nesta ocasión organiza dous cursos de ACCESS, que terán lugar en horario de mañá e de tarde. Así, o curso de mañá terá lugar os martes e xoves do 19 de abril ao 28 de xuño, en horario de 10:30 a 12:30 horas. O curso da tarde terá lugar os luns e mércores do 18 de abril ao 22 de xuño, en horario de 20:00 a 22:00 horas.
En ambos casos convócanse 12 prazas e o prezo é de 50 euros, tendo preferencia as persoas que fixeron en febreiro o curso de Excel e os veciños e veciñas de Brión. As inscricións deberán formalizarse antes do 15 de abril na Casa da Cultura, no teléfono 981 509 908 ou a través do mail: voluntariado@briondixital.org.