Thursday 27 de November de 2025

A Coruña será sede do III Foro Urbano de España os días 22 e 23 de outubro


A cidade converterase no epicentro estatal do debate sobre o desenvolvemento urbano sostible, inclusivo e resiliente, da man do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, en colaboración co Concello

A Coruña acollerá os vindeiros días 22 e 23 de outubro a terceira edición do Foro Urbano de España, unha cita promovida polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana que reunirá a representantes institucionais, persoal técnico, expertos e axentes sociais de todo o país para avanzar na definición das políticas urbanas do futuro.

O evento celebrarase no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) e conta coa colaboración do Concello da Coruña, que continúa así coa súa aposta decidida por liderar espazos de diálogo e reflexión sobre o modelo de cidade e a planificación urbana sostible.

O III Foro Urbano de España constituirase un ano máis como un espazo clave de participación e construción colectiva, ao abeiro da Axenda Urbana Española, coa finalidade de definir cidades máis inclusivas, resilientes, accesibles e sostibles.

Durante as dúas xornadas de duración, analizaranse os principais retos que afrontan as cidades en materia de vivenda, mobilidade, cohesión social, medio ambiente ou transformación dixital. A programación inclúe mesas redondas, obradoiros e encontros con profesionais do ámbito urbanístico e institucional de referencia no panorama estatal.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou “a importancia de que A Coruña acolla encontros deste nivel, que nos sitúan no mapa das cidades innovadoras e comprometidas coa axenda urbana do século XXI”, e sinalou que “os desafíos urbanos só poden afrontarse desde a cooperación interadministrativa e a participación cidadá, e este foro é unha mostra clara diso”.

As persoas interesadas en participar poden consultar o programa completo e realizar a inscrición a través da web oficial do evento.