
O Concello de Laxe destaca o proxecto educativo Sons de Laxe: educar co oído no territorio, realizado polo alumnado de 2º e 3º da ESO do CPI Plurilingüe Cabo da Area.
O Concello de Laxe manifesta o seu orgullo e apoio institucional a este proxecto desenvolvido durante o curso 2024-2025 polo profesor Efraím Díaz Vázquez, do Departamento de Música do CPI Plurilingüe Cabo da Area, cun traballo sobre a paisaxe sonora e o patrimonio inmaterial do municipio, cunha proposta innovadora que une arte, tecnoloxía e aprendizaxe-servizo.
Un proxecto que une innovación, patrimonio e sostibilidade “Sons de Laxe” insírese na liña temática de escolas saudables e abertas á contorna da convocatoria, promovendo unha educación para o desenvolvemento sostible e a cidadanía global. O proxecto naceu coa intención de escoitar, gravar, rexistrar, conservar e difundir os sons da contorna de Laxe, tanto naturais coma humanos, dende a brisa e o mar ata o bulir das rúas ou os espazos de convivencia. A través da escoita activa e do traballo de campo, o alumnado aprendeu a recoñecer o valor cultural e ambiental do seu propio territorio. Esta proposta fomentou a conciencia ecolóxica e acústica, poñendo en valor a identidade sonora do municipio e reflexionando sobre a contaminación acústica, a sustentabilidade e a convivencia harmónica co medio.
Aprendizaxe-servizo e tecnoloxía ao servizo da educación
O proxecto desenvolveuse mediante unha metodoloxía activa e competencial, baseada na aprendizaxe por proxectos (ABP) e no Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), promovendo a inclusión e a participación de todo o alumnado. Os estudantes exploraron ferramentas dixitais accesibles, como Audacity, Archive.org e Umap/OpenStreetMap, para editar e xeo referenciar gravacións recollidas na súa contorna. O resultado foi a creación dun mapa sonoro interactivo, que recolle as paisaxes acústicas de Laxe e permite volver escoitar a memoria sonora do lugar.
Durante o proceso, traballáronse competencias clave como a competencia dixital, a conciencia e expresión cultural, a competencia STEM e o sentido de iniciativa e espírito emprendedor. A gravación do fito sonoro foi o fío condutor, pero o proxecto implicou tamén contidos de ciencias, tecnoloxía, xeografía e educación ambiental, nunha experiencia interdisciplinar que converte a aula nun espazo de experimentación e creación.
Colaboración coa comunidade e impacto educativo
O alumnado desenvolveu parte das actividades en espazos públicos e naturais do municipio, documentando sons na praia, no porto, nas rúas, nos espazos verdes, en bosques, ríos, etc. Esta cooperación entre o centro e o concello reforza o modelo de escola aberta, comprometida coa súa contorna e coa educación en valores de participación cidadá e coidado do territorio. O proxecto favoreceu ademais a implicación das familias, que colaboraron indirectamente no proceso de recollida de sons.
Resultados e continuidade
O produto final, un mapa sonoro de Laxe, constitúe unha ferramenta educativa e divulgativa que permanecerá dispoñible para futuras promocións do alumnado e para toda a cidadanía, podendo ampliarse con novas gravacións. A experiencia culminou coa presentación pública do proxecto, acompañada dunha mostra de sons e imaxes, nela falouse de que este proxecto converteu o acto de escoitar nun exercicio de conciencia, cultura e respecto, demostrando que a educación musical pode ser tamén unha forma de educación ambiental, cidadá e emocional.
Enlace corto de Umap: http://u.osmfr.org/m/1180670/
Enlace longo: https://umap.openstreetmap.fr/es/map/sons-de-laxe_1180670
Un exemplo de innovación educativa en Galicia
O Concello de Laxe agradece e recoñece o traballo do profesorado e do alumnado participante, así como o compromiso do CPI Plurilingüe Cabo da Area coa innovación pedagóxica. “Sons de Laxe” é un exemplo de como a creatividade, a tecnoloxía e a educación en valores poden integrarse para construír aprendizaxes significativas con impacto real na comunidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.