Monday 13 de October de 2025

O Concello de San Sadurniño e a AGFA do Eume seguirán colaborando na promoción da fruticultura local


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, e o presidente da Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume (AGFA do Eume), Ignacio Bellas Castro, asinaron esta mañá o convenio de colaboración anual entre ambas entidades, que este ano ascende a 4.000 euros. O acordo ten como obxectivo continuar coa promoción da fruticultura no municipio por medio de distintas actividades -parte delas xa desenvolvidas nos últimos meses-, ademais de asegurar o correcto mantemento da colección de variedades tradicionais existentes na Horta de Conservación e Demostración de Froiteiras Autóctonas “Carlos Fornos”.

O documento asinado establece as bases da colaboración institucional e renova un compromiso que se mantén desde o ano 2008, cando o Concello e a asociación instalaron nunha parte dos terreos da Cortiña -ao pé do Xuvia- un espazo pioneiro en Galicia dedicado á conservación e divulgación das froiteiras autóctonas das comarcas do Eume, Ferrolterra e Ortegal.

Neste sentido, o Concello mantén a cesión gratuíta das instalacións da horta -integradas pola plantación das árbores e polas casetas de interpretación, almacén e aseos-, ademais de a apoiar economicamente o labor que desempeña a AGFA en San Sadurniño, considerando que o traballo da entidade contribúe a preservar a biodiversidade agraria local, reducir o desperdicio alimentario e promover sistemas produtivos sostibles, aliñados cos obxectivos de desenvolvemento sostible e coas políticas alimentarias municipais.

Entre as accións concretas recollidas no convenio, a AGFA do Eume deberá incorporar novas variedades de maceiras, pereiras, cerdeiras, ameixeiras e outras especies autóctonas, así como a repoñer as árbores que se perdan por causas naturais.

Tamén figuran actividades xa efectuadas, como foi o concurso de froita celebrado na Feira Rural, acompañado de dous talleres prácticos (un de poda e outro de enxerto), ou a realización dun curso de fruticultura de 20 horas, cun desconto do 50% para a veciñanza de San Sadurniño. Esta acción formativa convocarase, previsiblemente, nas próximas semanas.

A entidade asumirá ademais a coordinación das visitas guiadas á Horta de Conservación, principalmente coa Asociación Casa do Mel de Goente -que tamén usa as instalacións e mantén o colmear didáctico-, co obxectivo de difundir conxuntamente a fruticultura e a apicultura. A maiores, a AGFA comprométese a manter o espazo en bo estado, facilitar o seu uso con fins divulgativos e incorporar nas súas comunicacións o logotipo do Concello e do Xeoparque do Cabo Ortegal. O acordo tamén precisa a obriga de empregar unha linguaxe inclusiva e promover valores de igualdade.

Tal e como se establece no convenio suscrito hoxe, o Concello abonará o 75% da achega (3.000 euros) tras a sinatura, e o importe restante (1.000 euros) logo da xustificación das actividades e gastos realizados antes do 15 de decembro de 2025.

Deja un comentario