Monday 13 de October de 2025

López Campos celebra a exposición de Álvarez de Sotomayor da Fundación Barrié como “xusto recoñecemento ao pai da escola galega de pintura”


— O representante do Goberno galego agradece o labor da institución na difusión de destacados artistas galegos, en referencia á anterior dedicada a Francisco Llorens

— Exhíbense 76 obras procedentes de institucións e coleccións privadas de España, Chile, Italia ou Francia, que poderán verse ata o 11 de xaneiro de 2026

— Celebraranse visitas guiadas e talleres didácticos dirixidos a centros de ensino

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe a exposición Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960) da Fundación Barrié de la Maza, na Coruña, como “xusto recoñecemento ao pai da escola galega de pintura”. Fíxoo na inauguración da mostra monográfica, que reúne 75 obras procedentes de institucións e coleccións privadas de España, Chile, Italia e Francia para conmemorar o 150 aniversario do nacemento do artista, e na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo.
“Estamos ante un dos pintores más brillantes do século XX e un dos máximos expoñentes do rexionalismo artístico galego”, gabou o responsable de Cultura do Goberno galego, quen tamén fixo fincapé no feito de que estea considerado como “un dos más grandes pintores-etnógrafos europeos”.
Ao respecto da súa obra, López Campos salientou o “respecto e orgullo co que enxalzou nas súas pinturas os costumes, festas, tradicións e a xente do rural galego”, á vez que subliñou a súa faciana como “espléndido retratista, xénero que prodigou especialmente e no que foi moi apreciado”.
Por estes motivos, o conselleiro agradeceulle a Fundación Barrié de la Maza a posta en valor e difusión da obra e das achegas “dun dos máis destacados artistas galegos” e que estendeu a outros proxectos que ten desenvolvido a entidade nesta mesma liña, en referencia á mostra realizada sobre Francisco Llorens, coetáneo de Sotomayor.
Mostra ‘Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)’
Esta exposición, que está aberta ata o 11 de xaneiro de 2026, súmase aos esforzos da Fundación Barrié de la Maza en achegar ao público a personalidade do artista ferrolán a través das obras de todos os seus períodos creativos, elixidas entre as de maior calidade e significación. Cómpre lembrar que hai dúas décadas esta institución publicou un catálogo razoado das súas obras, que permitiu avanzar no coñecemento do pintor.

Sotomayor pertenceu a unha promoción de artistas que obtivo os maiores éxitos a partir da obtención da Bolsa da Academia de España en Roma xusto no cambio do século XIX ao XX. Conseguiu xa en 1906 a Primeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid e, ao ano seguinte, acadou o mesmo galardón na Exposición de Belas Artes en Barcelona. Participou en numerosísimas exposicións internacionais de arte celebradas nas dúas primeiras décadas do século, e tamén nas exposicións de arte galega organizadas a partir de 1912. Foi director da Escola de Arte de Santiago de Chile, da Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid e do Museo do Prado.

Precisamente, a exposición conta co comisariado do Javier Barón, xefe da Colección de pintura do século XIX do Museo do Prado, e coa colaboración do Pedro José Martínez, conservador do mesmo centro museístico. Ademais dunha conferencia inaugural, a cargo do comisario da exposición, a Fundación Barrié de la Maza porá en marcha ao redor da mostra visitas guiadas e talleres didácticos dirixidos a centros de ensino de toda Galicia.

Deja un comentario