Monday 13 de October de 2025

Ribeira pecha o acordo de compra da fábrica de Cerqueira, que pasará a ser patrimonio de toda a veciñanza


O Concello de Ribeira pecha a compra da antiga fábrica de Conservas Cerqueira S.A., unha operación que converte este emblemático inmoble nun ben público ao servizo de toda a veciñanza. A sinatura do acordo fíxose na nave emprazada en Banda ao Río e participaron o alcalde Luís Pérez Barral, o representante da empresa Manuel Aldao e os concelleiros e concelleiras do goberno municipal.

A adquisición desta nave industrial responde ao interese do executivo local por preservar un espazo de alto valor histórico e patrimonial, símbolo da tradición conserveira e mariñeira de Ribeira. O rexedor quixo agradecer “a boa disposición da empresa para chegar a un acordo beneficioso para ambas partes” e destacou “o excelente estado de conservación no que se mantivo este edificio grazas ao coidado e compromiso da familia Cerqueira”.

Segundo explicou Pérez Barral, o inmoble “converterase nun espazo público aberto a toda a veciñanza, no que se poderán desenvolver actividades sociais, culturais, deportivas e económicas”. O alcalde anunciou tamén que unha parte das instalacións acollerá “un pequeno Museo do Mar, destinado a poñer en valor o sector pesqueiro, a industria conserveira e as embarcacións tradicionais”.
“Quero parabenizar a toda a veciñanza de Ribeira, especialmente aos veciños e veciñas de Banda ao Río, porque van ter un espazo público que poderán usar ao tempo que conservan unha nave que tivo 135 anos de actividade económica vinculada á conserva”, declarou o alcalde. Pérez Barral tivo tamén palabras de recoñecemento e agradecemento para a asociación veciñal e cultural ‘Bandourrío’, “que sempre defendeu que esta nave debía ter un uso público e que fixo un labor moi importante para sensibilizar á veciñanza sobre o seu valor patrimonial e histórico”.

Ademais, o alcalde informou de que unha parte dos novos fondos europeos conseguidos polo Concello, que ascenden a un total 6,5 millóns de euros, destinaranse á rehabilitación e posta en valor deste patrimonio industrial, seguindo criterios de sustentabilidade e respecto pola estética tradicional.

Manuel Aldao valou positivamente esta compra por parte do Concello de Ribeira, “para nós é unha satisfacción que isto se preserve e que
podamos recordar a historia de onde vimos”. Salientou tamén o feito de que a veciñanza poida gozar destas instalacións “que seguramente terá multitudes cousas que se poidan programar nela”.

Finalizou sinalando “que ao longo dos últimos 20 anos dende a empresa investíronse moitos cartos para conseguir que a nave estea en perfectas condicións; renovaron as madeiras cando se ían deteriorando, adicamos moito esforzo, unha parte por necesidade e outra por cariño porque sabíamos que era unha forma de preservar a nosa historia”.

O Concello de Ribeira dá así un paso decisivo na protección do seu patrimonio arquitectónico e industrial, transformando un símbolo da súa historia económica nun novo espazo para o encontro e o desenvolvemento social.

Deja un comentario