Monday 13 de October de 2025

Touriñán actuará en Ribeira o 26 de decembro co espectáculo Aquí Tou!


O 26 de decembro chegará ao auditorio de Ribeira, por primeira vez, un dos mellores e máis recoñecidos cómicos do noso país como é Xosé A. Touriñán co seu espectáculo Aquí Tou! da man da produtora Ainé, en colaboración coa concellería de cultura de Ribeira.

As entradas sairán á venda proximamente a través da plataforma ataquilla.com e tamén mediante venda presencial na Oficina de Atención Cidadá do Concello de Ribeira.

O prezo das entradas será de 14 € (máis gastos de xestión). A función será ás 20:30 h aínda que a produtora, en función de como avance a venda das entradas, xa anunciou que baralla organizar unha segunda sesión ás 23:00 h.

Sinopse

En_Aquí Tou!, Touriñán fai un percorrido pola súa vida, dende a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Momentos chave do seu camiño vital cos que, como galegos, todos nos sentimos identificados.

Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que conta e representa partes da súa vida, e da serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, levárono a ser que hoxe é.
Aquí Tou! é un espectáculo dirixido a un público amplo, se ben é certo que non está pensado para nenos, polo que podemos acoutar a idade a maiores de 12 anos.

O espectáculo

A primeira regra da comedia é rir dun mesmo para poder rir de todo o demais.
En Aquí Tou! Touriñán toma esta norma non escrita ao pé da letra e compón un espectáculo ao redor da súa persoa, comezando na súa concepción e rematando no que lle deparará o futuro.

A través de diferentes momentos vitais, Touriñán analízase a el ao tempo que nos retrata a todos. Aquí Tou! recupera momentos importantes da vida do actor cullerdense mais, a pesares do persoal da proposta, é imposible non verse reflictido nas situacións propostas.

Nos últimos anos, acostumámonos a ver a Touriñán en espectáculos teatrais como Fariña ou Recortes e en diferentes series e programas de televisión, en
Aquí Tou! regresa ao formato que lle proporcionou fama e lle deu os seus primeiros éxitos no mundo do espectáculo.

Cunha escenografía sinxela, o relato apoiase por momentos en imaxes proxectadas que ilustran diferentes momentos da traxectoria vital de Touri.

Un espazo escénico minimalista que xa adianta o que se vai poder ver en escena, un dos mellores cómicos do pais facendo o que mellor sabe; encher o escenario e contaxiar a risa a todo o audiotorio.

O gran nome da comedia en Galicia

Se hai un cómico galego que pode encher grandes teatros, ese é Xosé A. Touriñán.
Con máis de 20 anos de carreira, Touri ten unha conexión co público en Galicia que é difícil superar. Só ou acompañado de outros grandes -como Carlos Blanco ou David Perdomo, acostuma colgar o cartel de “Non quedan entradas” en todos os seus espectáculos.

O humor é o seu sinal de identidade e, a pesar de chegar ao mundo da actuación “case sen querer”, conseguiu ser un referente do humor feito desde Galicia. Os seus monólogos, espectáculos, series e aparicións en televisión son sinónimo de éxito.

Á súa faceta de actor hai que sumarlle a de produtor, director e axitador cultural, o seu entusiasmo contaxia a quen traballa con el e tamén dá un extra a todos os proxectos nos que se involucra.

Nos últimos anos diversificou o seu traballo, participando en exitosas series a nivel nacional como Fariña ou Pequeñas Coincidencias, programas de televisión como Catro Gatos ou Rutas Bizarras e películas como Amigos hasta la muerte.

No 2022 deu un paso máis na súa prolífica carreira escribindo, dirixindo e interpretando a súa primeira curtametraxe, Nena, que leva acadado numerosos premios e recoñecementos en festivais por todo o mundo.

É tamén director e promotor do Castelo Conta, un festival singular que enche apequena parroquia de Castelo (Culleredo) de teatro, música, actividades para a rapazada, accións de conservación da natureza e un extenso progama deaccións destinadas á conservación e difusión do patrimonio oral.

Deja un comentario