Monday 13 de October de 2025

O Ventorrillo estrea un novo mural en lembranza de Pucho Boedo


A obra de Brais Rodríguez Trillo foi completada coincidindo co arranque das festas populares do barrio

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou hoxe o mural promovido polo Concello que rende homenaxe ao cantante Pucho Boedo. “Desde o Goberno municipal temos moi presentes aos nosos referentes culturais e musicais e Pucho Boedo é un deses coruñeses que levaron o nome da cidade alá onde actuaban e calquera homenaxe que lle fagamos é máis que merecido”, indicou Rey, que estivo acompañada por Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, e Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Tamén participaron os representantes veciñais do Ventorrillo e da Agra do OrzánA iniciativa contou coa colaboración de Ricardo Seixo, responsable de Cultura da Asociación de Veciños do Agra do Orzán.

O mural representa a Pucho Boedo nunha das súas poses características, agarrando o micrófono coa man dereita. Ademais, ten referencias ás dúas formacións máis importantes da súa traxectoria artística: Los Tamara e Los Satélites. A obra conta con outros detalles vinculados co seu barrio, O Ventorrillo, e a cidade.

O autor é Brais Rodríguez Trillo veciño do Ventorrillo, un recoñecido artista ilustrador e grafitero que intervén espazos comúns e colabora en numerosos proxectos para a recuperación da contorna do seu barrio. Pucho Boedo (1932–1986) foi un cantante coñecido pola súa voz cálida e popular que o converteu nunha das grandes figuras da música galega do século XX. Iniciou a súa traxectoria musical en diferentes orquestras. Foi vocalista de Los Satélites, coa que acadou unha grande popularidade nas festas galegas, e máis tarde incorporouse a Los Tamara, cos que levou a música galega a escenarios estatais e internacionais. O seu estilo sinxelo e próximo ao público fixo del un artista moi querido, ata o punto de ser lembrado como o “crooner galego”. A súa memoria continúa viva grazas ás gravacións e á fonda pegada que deixou na cultura musical popular.

Festas do Ventorrillo

O barrio do Ventorrillo comezou onte, xoves 9, as súas festas populares, que se prolongarán ata o domingo. As festas de barrio son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. “Desde o Goberno de Inés Rey apostamos este ano por mellorar o proceso de concesión de axudas para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas”, indica Gonzalo Castro.

Durante as catro xornadas non faltarán diversas actuacións musicais de orquestras e de formacións, agrupadas no ciclo Son do Vento. Ademais, haberá actividades culturais e divulgativas para todas as idades, como un concurso de karaoke o unha exhibición de sevillanas.

Esta é a programación completa:
Venres 10
17:30 h – Pasarrúas con Os Viqueiras
19:30 h – Ofrenda Floral a Pucho Boedo no Centro Cívico da Silva con Xurxo Souto e
a colaboración de Melchor Rodó
20:30 h – Pregón a cargo de María García Nieto (XLIX Meiga Maior 2018) e Óscar
Castro Gómez (Administrador da Cociña Económica). A continuación, homenaxe a
Pucho Boedo ao carón da súa estatua.
22.00 h – Verbena coa orquestra Los Satélites.
00.30 h – Son do Vento: Sesión DJ con Keys DJ e By.Kokee

Sábado 11
11:00 h – O mercado do Vento: Mercadillo de artesáns

12:15 – Son do Vento: Contacontos infantil. Música en directo polo autor Ernesto Coello e interpretado por Hugo Dopazo.
12.45 h – Son do Vento: Miña Xoia (Asociación espadana tradicional). Grupo de pandeireta da AVV O Ventorrillo.
13.15 h – Revolta Swing. Exhibición de baile Swing e Lindy Hop.
13.45 h – Sesión vermú con Xilo e Carlos.
15.30 h – Sesión vermú infinita: By.Kokee.
18.30 h – Exposición de armas antigas e exhibición de loita con espada a cargo da Academia da Espada.
19.00 h – Actuación do coro Somos Voces.
20.00 h – Concurso de karaoke xestionado por Keys Animación.
22.00 h – Entrega de premios aos gañadores do concurso Debuxo e Redacción.
Verbena coa orquestra Fania Blanco Show.
23.30 h – Son do Vento: Actuación de Iván es Juan.

Domingo 12
10:00 h – Pasarrúas Espadana Tradicional
13.00 h – Exhibición de Sevillanas a cargo do grupo da AVV O Ventorrillo Triana
13.30 h – Sesión vermú con Aixa Romay

Deja un comentario