Monday 13 de October de 2025

Este luns 13 arrinca a nova fase de traballos nos Cantóns, coa reurbanización do tramo entre Santa Catalina e o Obelisco


As paradas de transporte urbano, taxis e BiciCoruña, así como a zona de carga e descarga de mercadorías trasládanse ao Cantón Pequeno

A remodelacións dos Cantóns vivirá unha nova fase de obras a partir do vindeiro luns 13, cando se iniciará unha nova fase de actuacións entre a rúa Santa Catalina e o Cantón Grande.

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que será nesta fase cando xa serán visibles as primeiras intervencións na contorna do Obelisco, un dos espazos máis emblemáticos da cidade. A folla de ruta prevista polo Concello contempla a adaptación da superficie que se peonalizou provisionalmente durante a pandemia, co obxectivo de darlle unha uniformidade estética con respecto á imaxe dos Cantóns.

Neste sentido, e co obxectivo de evitar incomodidades en materia de materia de mobilidade e transporte, o Concello ten planificado que sexa no Cantón Pequeno onde se concentren os servizos nesta fase. Alí estarán situadas tanto a parada de taxis como a de transporte urbano —a do Obelisco quedará anulada temporalmente e a prestación do servizo concentrarase nas paradas do Cantón Pequeno e a do Carreiro da Estacada, ambas as dúas operativas—e tamén as estacións de BiciCoruña.

Ademais, nesta fase da obra será cando se pechará definitivamente ao tráfico o acceso aos Cantóns desde Durán Loriga por Santa Catalina. Este treito pasará a ser totalmente peonil, para darlle continuidade a un percorrido natural desde a praza de Mina ata a rúa Real. Por iso, a área de carga e descarga de Santa Catalina pasará a estar situada tamén na contorna do Cantón Pequeno, como alternativa temporal.
Rey tamén lembrou que, en todo caso, a circulación do tráfico polos Cantóns seguirá estando habilitada, xa que as obras non afectarán aos carrís da calzada.

O acceso da rúa Nova aos Cantóns pecharase ao tráfico rodado

Tamén nesta fase haberá novidades con respecto á mobilidade pola rúa Nova, que se pechará ao tráfico rodado na súa conexión cos Cantóns. Si seguirá aberta ao paso de vehículos, tanto os de carga e descarga como os que van aos garaxes, con acceso e saída pola rúa de San Andrés.

Ademais, neste contexto das obras nos Cantóns tamén se pechará a rampla de saída do tráfico rodado no estacionamento do Obelisco, unha intervención necesaria para adecuar a superficie atendendo ao cronograma de traballos previsto.

Como vén sendo habitual desde que se licitou a remodelación dos Cantóns, o Concello informará nas súas canles oficiais e tamén de forma física, sobre o terreo, desta nova fase de obras, co obxectivo de resolver as dúbidas existentes.

Deja un comentario