Sunday 12 de October de 2025

As non adscritas pasan páxina debate da moción de censura e propoñen as súas liñas de traballo para os vindeiros meses


• Nun vídeo en redes, Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez critican que se leve “máis dunha semana falando de soños húmidos en lugar de políticas municipais”

• Fixan a gobernanza da taxa turística ou a xestión dos fondos europeos conseguidos para actuacións na zona norte do municipio como retos inmediatos

Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez seguen adiante coa súa axenda de traballo conxunto e na tarde deste xoves publicaron un vídeo no que fixaban as súas liñas de traballo nos vindeiros meses, establecendo como retos inmediatos a gobernanza do recadado pola taxa turística e a xestión dos fondos europeos que vén de captar Santiago para actuacións na zona norte do municipio.

Muíños, que comeza criticando que o debate político se centrara xa durante máis dunha semana en “soños húmidos” en lugar de “políticas municipais e en mellorar os servizos municipais”, recalca o reto dos novos fondos europeos ao que, Marta Álvarez, apunta que tamén vixiarán a execución dos proxectos ligados ao Entre Sar e Sarela como o barrio verde de Pontepedriña ou a renaturalización da lagoa de Cornes e a do auditorio ou actuacións no monte viso: “non fai falla lembrar que a mala xestión xa provocou que o goberno local perdera dous millóns de euros para a Praza de Abastos no que levamos de mandato, polo que estaremos atentas á execución destes proxectos”.
Pola súa banda, Mila Castro pon o foco na xestión do recadado pola taxa turísitica e

anuncia que nos vindeiros días as non adscritas “comezaremos a reunirnos coas asociacións para garantir unha boa gobernanza deses fondos, imprescindibles para que o turismo contribúa ao mantemento do noso concello”.

“Afiliadas só a Santiago”

Mercedes Rosón recalcou que o mantemento das rúas, a execución do acordo de orzamentos e a procura de maiores investimentos nos barrios e no rural, “pero sen descoidar o social” serán as liñas de traballo que centren a acción política das non adscritas nos vindeiros meses. Precisamente, nese sentido lembrar a batería de 12 propostas a executar antes do remate de ano por parte do goberno local que xa formularan a comezos de setembro, reafirmándose na súa necesaria execución.

Neste sentido, conclúen rexeitando novamente que o debate político se centre en “soños”, como tivo lugar nos últimos días logo do cruce de acusacións entre a tenente de alcaldesa María Rozas e o portavoz do Partido Popular, Borja Verea: “as nosas prioridades son outras e os nosos soños tamén, nós soñamos cun Santiago mellor” ao que, Rosón conclúe apuntando que “é o que ten estar afiliadas só a Santiago”.

Deja un comentario