Sunday 12 de October de 2025

O servizo municipal BiciCoruña incorporará catro novas bases nos barrios da Gaiteira, San Pedro de Visma e o parque industrial de Agrela


Esta mañá acometeuse a instalación en rúa das estacións, paso fundamental e previo á súa posta en marcha

O Concello avanza coa súa folla de ruta para reforzar o servizo municipal BiciCoruña en todos os barrios da cidade. Hoxe, coa instalación en rúa de catro novas bases que proximamente entrarán en servizo e que estarán situadas na Gaiteira, San Pedro de Visma e o parque industrial de Agrela.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que, ao abeiro do plan de expansión no que está inmerso o Concello, BiciCoruña conta a día de hoxe con 61 estacións operativas. Serán 65 toda vez se completen os trámites previos á posta en marcha destas outras catro bases que xa son visibles na rúa desde esta mañá.

Dúas delas están no barrio da Gaiteira. Unha, a carón do Fórum Metropolitano, co obxectivo de facilitar os desprazamentos de ida e volta a un dos principais equipamentos públicos que hai nesta parte da cidade. E a segunda, no cruzamento da avenida de Oza coa rolda de Outeiro, fronte á praza da Gaiteira.

Xa no referente á base de San Pedro de Visma, Noemí Díaz apuntou que a instalación desta primeira estación no núcleo poboacional requiriu, previamente, a execución de obra civil sobre o seu emprazamento, preto do centro cívico veciñal. “As obras remataron semanas atrás e agora damos un paso máis para que as persoas residentes en San Pedro de Visma dispoñan do servizo municipal BiciCoruña no seu propio barrio”, indicou.

Nesta nova quenda de instalacións de bases en rúa, o Concello tamén vén de incrementar o número de estacións emprazadas no polígono de Agrela, que incorpora outra a carón do parque municipal de Bombeiros. Esta base sumarase ás xa existentes nas rúas Gutemberg e Severo Ochoa, polo que será a terceira que prestará servizo ao parque industrial, que tamén conta cunha base complementaria na rúa José María Rivera Corral, en Vioño.

A previsión do Concello é que estas catro bases entren en funcionamento nas vindeiras semanas, cando se culminen os trámites de contratación do subministro eléctrico e rematen as probas técnicas habituais antes da posta en servizo das estacións.

Deja un comentario