Sunday 12 de October de 2025

Aberta a inscrición na carreira popular do Ventorrillo, que terá lugar o 26 de outubro e combinará treitos de asfalto e terra en algo máis de cinco quilómetros


Será a penúltima proba desta tempada do circuíto Coruña Corre, que entra xa na súa recta final e rematará no mes de novembro no barrio de Novo Mesoiro

O barrio do Ventorrillo acollerá o vindeiro domingo 26 a penúltima carreira popular desta tempada do circuíto Coruña Corre, que entra xa na súa recta final con dúas probas por disputar. A última, en novembro, será en Novo Mesoiro.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, informou hoxe de que o prazo de inscricións para a carreira do Ventorrillo xa está aberto, e de que continuará habilitado ata o día 19. “Unha vez máis, convidamos a cidadanía a participar nesta xornada deportiva ao aire libre, na que de seguro volveremos a desfrutar como o fixemos cos dez quilómetros da C10 a semana pasada”, indicou o edil.

No caso da proba do Ventorrillo, o percorrido non será de dez quilómetros, senón de algo máis da metade, por riba dos cinco quilómetros. A carreira arrincará ás 10.00 horas no cruzamento entre as rúas Alcalde Salorio Suárez e Alcalde Jaime Hervada, punto de partida dun trazado que combinará treitos de asfalto e pistas de terra tanto polo Ventorrillo como pola contorna do núcleo poboacional da Silva.

Ademais, á disputa da proba en categoría absoluta sumarase, como xa é habitual, a celebración da carreira en categorías inferiores, desde sub-18 a peques. Haberá saídas graduais entre as 11.15 e as 12.30 horas e tamén percorridos diferenciados en función das idades das rapazas e rapaces participantes.

Toda a información sobre a carreira popular do Ventorrillo que terá lugar o vindeiro 26 de outubro pódese consultar na páxina web de Coruña Corre, onde tamén se detalla polo miúdo os servizos dos que disporán as persoas participantes: lugar e horarios da recollida de dorsais, duchas, gardarroupa e avituallamento.

Deja un comentario