Friday 22 de November de 2024

Ordes convírtese nunha gran foliada co XXI Xantar Gaiteiro


Nesta convocatoria rendéuselle un especial tributo a Manuel Viqueira ‘O gaiteiro de Vilaverde’, un dos máximos representantes locais do folclore

Este domingo a vila de Ordes convertiuse nunha gran foliada grazas ao XXI Xantar Gaiteiro. O programa arrancou na casa da cultura onde se homenaxeou a Manuel Viqueira ‘O gaiteiro de Vilaverde’. Trátase dun dos máximos expoñentes locais do folclore tradicional finado en febreiro de 2015. Nun auditorio lembrouse a súa persoa, figura e obra, ademais de poder ver unha proxección na que se deixou latente a importancia do seu labor na historia da tradición sonora da comunidade galega.
Posteriormente os bares e locais da vila ordense acolleron actuacións en vivo e en directo, animando así a hora dos viños de veciños, veciñas e visitantes. Foron moitos os que non se resistiron e ademais de cantar algunha que outra peza tamén lle botaron unha baila nalgún bar dos máis da ducia que participaron desta iniciativa. Embruxos Gaiteiros, Alén, Ancoradoira, Caivanca, Os Viqueiras, Larpeiros de Altamira, No Cómbaro, Chispas de Compostela, Airiños da Bandoxa, Nela de Bres & Amigos, Picuiña, Millo Verde, Cantares dos Pendellos e o cuarteto de Fernando e Marcelino foron os grupos que este ano se congregaron en Ordes este ano.
Máis de 150 asistentes
Tras todo isto o restaurante El Túnel serviu un menú plagado de pratos típicos da cociña galega para máis de 150 comensais entre músicos, organizadores e acompañantes.
O XXI Xantar Gaiteiro é unha iniciativa organizada pola Asociación de Gaiteir@s de Galicia. Nesta ocasión contou ademais coa colaboración da Asociación Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes e coa do Concello de Ordes. Entre os asistentes aos actos programados non quixo faltar en ningún momento o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Mira.