Friday 10 de October de 2025

A Orquestra Sinfónica de Galicia estreará o musical ‘Lúa’, dirixido aos centros educativos da Coruña


Haberá 12 funcións no Palacio da Ópera do 23 ao 27 de marzo, con sesións abertas ao público xeral

O Departamento Didáctico da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) continúa a súa aposta pola educación musical coa estrea do musical ‘Lúa’, unha produción escénico-musical dirixida a estudantes dos últimos cursos de primaria e de secundaria, que tamén contará con funcións abertas ao público xeral. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá este espectáculo xunto ao xerente do Consorcio da Promoción da Música, Juan Antonio Cuéllar.

O espectáculo, composto polo coruñés Fernando Briones e coproducido con Volana Producións, representarase no Palacio da Ópera da Coruña do 23 ao 27 de marzo de 2026, con dous pases diarios para alumnado de centros educativos e tres funcións especiais para o público xeral. “Desde o Goberno de Inés Rey estamos levando a cabo un importante traballo para achegar a OSG á mocidade a través de programas coma este”, indicou Gonzalo Castro.

A OSG desenvolve ao longo do ano unha ampla programación didáctica que achega a música a milleiros de estudantes da cidade e da provincia. Con ‘Lúa’, a orquestra dá un paso máis, unindo música, teatro e danza nun espectáculo pensado para emocionar, educar e inspirar.

O musical conta cun destacado equipo artístico.

As audicións para o elenco celebraranse os días 2 e 3 de novembro, e están abertas a mozos e mozas con perfil adolescente e aptitude para o canto, o baile e a interpretación. O proxecto busca tamén integrar un coro de estudantes dos institutos da cidade, fortalecendo a colaboración entre a OSG e a comunidade educativa.

Unha historia sobre soños, raíces e esperanza

A trama de ‘Lúa’ desenvólvese nunha pequena aldea costeira galega, onde a moza protagonista loita entre a tradición familiar e a súa verdadeira paixón: a música. A chegada de Xoán, un rapaz recén chegado de Arxentina, transformará a súa vida e a do seu pobo, nun relato que combina emoción, humor e valores de integración, amizade e superación.

‘Lúa’ é unha homenaxe á mocidade galega, á súa creatividade e á forza dos soños compartidos, unha mostra máis do compromiso da Orquestra Sinfónica de Galicia coa educación, a cultura e o futuro.

Deja un comentario