Friday 22 de November de 2024

Galicia preséntase como destino de golf no Certame Madrid Golf Experience 2016


Turismo de Galicia disporá dun espazo neste certame, que se desenvolverá a vindeira semana, para promover os recursos e servizos desta modalidade turística no que tamén participará a Asociación Galicia destino Golf

Por segundo ano consecutivo, Turismo de Galicia presentará a Comunidade galega como destino de golf dentro do certame Madrid Golf Experience que se desenvolverá a vindeira semana nas instalacións da Federación Española de Golf, na capital de España.

Turismo de Galicia contará cun recinto de 20 metros cadrados no que se informará sobre as posibilidades da oferta galega ao público asistente e manteranse xuntanzas de traballo cos operadores especializados que visiten a feira.

Ademais, xunto ao departamento de Turismo da Xunta, participará a Asociación Galicia Destino Golf, na que se integran as principais empresas e colectivos vinculados a este deporte na Comunidade galega.

Neste certame, Turismo de Galicia difundirá os recursos e os produtos relacionado co turismo de golf en Galicia, así como a oferta turística xeral e o Camiño de Santiago.

Os expositores que participan en Madrid golf son campos de golf, cadeas hoteleiras, operadores especializados, oficinas de turismo nacionais e internacionais, axencias de viaxe, fabricantes de material, roupa e complementos para golfistas.

Xuntanzas profesionais
A participación de Galicia como expositor neste certame turístico inclúe unha axenda de citas cos principais operadores turísticos especializados en golf do mercado español.

Os obxectivos de Turismo de Galicia nesta feira pasan polo establecemento de relacións comerciais coas principais canles de distribución e comercialización do Turismo de golf, facilitar a presentación da oferta de campos e programas turísticos do golf galego e atraer aos operadores turísticos internacionais para que visiten e poidan coñecer a oferta do golf de Galicia.

Plan integral de Turismo de Galicia
No Plan Integral de Turismo de Galicia ven reflectida a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf relacionados co turismo termal.

Neste marco, Turismo de Galicia desenvolve accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.

Entre as actuacións máis salientables destacan a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos Green Day para participantes noveis, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de Green Fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a a Asociación Galicia Destino Golf; e tamén a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.