Friday 10 de October de 2025

A liberalización progresiva dos peiraos da Coruña avanza coa concesión de licenza a Repsol para derrubar os tanques de cru da terminal de San Diego


Hoxe tivo lugar a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que tamén se aprobou un investimento de 1,1 millóns de euros para dar continuidade ás actividades de dinamización nos centros cívicos da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se notificou a concesión dos permisos urbanísticos necesarios para que Repsol inicie os traballos de derrubamento dos primeiros tanques de cru na terminal marítima dos peiraos petroleiros de San Diego.
“Esta intervención é importante atendendo ao contexto de transformación que está a vivir o porto da Coruña, coa liberalización progresiva dos peiraos interiores e o traslado de infraestruturas industriais a Punta Langosteira”, apuntou a rexedora, que lembrou que, en paralelo, proseguen os avances do proxecto Coruña Marítima: onte convocouse de novo o concurso público cos cambios que se aprobaron no último Consello de Administración da Autoridade Portuaria, orientados a facilitar o acceso de profesionais á licitación.

Seguindo cos asuntos incluídos na orde do día da Xunta de Goberno, no balance de licenzas outorgadas pola Área de Urbanismo nos últimos quince días tamén destaca a que permitirá restaurar a cuberta dun enclave patrimonial tan importante como a Igrexa da Orde Terceira de San Francisco, a carón do Abente y Lago e do Museo Militar.

Ademais, hoxe notificouse a concesión de licenza para adecuar un local que se usará como centro de adestramento deportivo que estará situado na rúa Xosé Lesta Meis, en Xuxán.
Máis concretamente, nos baixos dos bloques de vivendas dun barrio que, pouco a pouco, vai sumando servizos en paralelo ao seu desenvolvemento residencial.

Máis de 1,1 millóns en actividades para dinamizar os centros cívicos

Tamén esta mañá, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación de tres lotes correspondentes a programas de actividades nos centros cívicos municipais, nos que se investirá, de forma conxunta, 1,1 millóns de euros ata finais de 2027.

Desta forma, o Concello reforza o plan de dinamización dos centros cívicos coa continuidade das actividades socioculturais de prevención e cooperación social, as destinadas ás persoas usuarias da aula CEMIT e, ademais, outro dos programas máis populares entre as veciñas e veciños que fan uso destes equipamentos públicos, o programa ‘Maiores en plena forma’, orientado á práctica deportiva e tonificación física.

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que “esta programación é a que converte aos centros cívicos municipais nun dos eixos fundamentais para fomentar a interrelación e a convivencia da cidadanía en todos os barrios da cidade”. Rey lembrou que en paralelo ás actividades, o Concello está a traballar na mellora das instalacións e a renovación dos edificios, con actuacións xa en marcha nos centros cívicos dos Rosales e Labañou.

Continuidade aos contratos de subministro de mobiliario urbano

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a renovación do contrato de subministro necesario para dotar á cidade de novo mobiliario urbano. Tal e como establecían os pregos, o Concello tiña a posibilidade de prorrogar este contrato e así se fará efectivo, ata outubro do ano 2026, investindo case 120.000 euros en novos bancos de madeira, tamén de pedra e novos aparcabicis de aceiro inoxidable.

Deja un comentario