
Sumando os 80.000 asistentes á Rúa da BD, a edición péchase con máis de 130.000 persoas participantes
O Viñetas desde o Atlántico pechou unha exitosa edición marcada pola internacionalización, máis apoio á Banda Deseñada de Galicia, unha maior calidade de contidos e deseño expositivo das mostras e, sobre todo, polo fortalecemento deste festival no tecido cultural galego. Ao peche desta edición, as máis de 50.000 persoas que pasaron polas sete sedes das súas diversas exposicións, e as 80.000 que encheron a Rúa da BD durante a semana da mostra, dan proba do éxito desta edición. “As cifras de asistencia finais dan boa conta de que o modelo de Viñetas impulsado polo Goberno de Inés Rey é o axeitado e permítenos acadar unha maior repercusión internacional”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Este Viñetas amosou 1.400 pezas entre obra en papel e creación dixital repartida en 21 exposicións. Nesta edición, participaron máis de 70 autores, fronte aos 40 do ano pasado, e preséntanse 20 exposicións, en comparación coas 18 de 2024. Tamén houbo tres concertos de autores de banda deseñada que tamén son músicos, un Late Night Show no Colón e seis obradoiros infantís na Sala Palexco. Foron preto de 60 actividades entre charlas, faladoiros, talleres ou presentacións e 36 casetas de librarías e editoriais con catro exposicións internacionais con obras de Canadá, Arxentina, Portugal e Francia.
Ademais, este Viñetas pecha con récord de participación. Na súa semana grande, do 11 ao 17 de agosto, máis de 80.000 persoas pasaron pola Rúa da BD, nos Cantóns ou asistiron ás charlas, obradoiros, concertos e outras actividades do festival. Ademais, algúns dos autores convidados ao evento esgotaron edicións dos seus libros nun Viñetas máis ambicioso que en anos anteriores.
Polas súas exposición pasaron máis de 50.000 persoas. A de máis afluencia foi a do Quiosco Alfonso, que acolleu a exposición ‘Viñetas e Decibelios’ con obras de Víctor Coyote, Azagra e Revuelta, Magius, Miguel B. Núñez, Cols (Olivia e Clara Cábez) e Don Rogelio J. Tamén houbo unha grande afluencia, maior que anos anteriores, noutras mostras do festival, especialmente as instaladas no Palexco, ‘Quino na Música’, a primeira en inaugurarse o pasado 16 de xuño, sobre o autor de Mafalda, e ‘Astro-Ratón y Bombillita’, de Fermín Solís. Ademais, neste espazo houbo unha grande afluencia de público infantil e xuvenil ao concentrarse nel os obradoiros para os máis pequenos do festival. Destacaron tamén as visitas ás mostras de Dave Cooper, na Casa Museo Picasso; a da Sala Municipal de María Pita, con obras de Inacio e Iván Suárez e as gañadoras dos Premios Castelao 2024, Sandra Lordi e Laura Suárez.
Novidoso photocall 3D
A gran novidade deste festival, o photocall 3D instalado no Palexco, tamén foi todo un éxito.
Case 3.200 persoas pasaron polo ScanMeNow para ter a súa foto en 3D con Mafalda e Astro Ratón co cartel oficial do festival de fondo. O Viñetas 2025 tamén destacou pola masiva participación de público nas sinaturas oficiais cos autores. De feito, algúns deles como o Premio Nacional do Cómic, Magius, ou o reputado artista canadiense Dave Cooper, tiveron longas colas na carpa oficial na busca dunha sinatura. Ademais, obras como Black metal, de Magius, ou a biografía de Buenaventura Durruti, de Carlos Azagra e Encarna Revuelta, esgotáronse en todas as librarías do festival.
Precisamente, para o director do festival, Manel Cráneo as cifras de visitas das exposicións desta edición do Viñetas reflicten o resultado dunha nova estratexia na xestión de contidos das salas expositivas. “Seguirei traballando nesta liña”, asegura. Ademais, destaca que partillar contidos de alto interese en Palexco para público familiar, como “Quino na música” e “Astro-Ratón” de Fermin Solís, produciron un aumento considerable de visitas na sala e, iso, di, “foi un dos acertos deste ano”. “Na organización de contidos vimos o resultado da presentación destes por seccións neste segundo ano que levo en dirección. Este é un cambio importante e estratéxico para captar aos diferentes públicos e está dándonos un excelente resultado”, puntualiza.
“Os orixinais de Dave Cooper causaron sensación, os de Quino atraeron ao gran público e coa expo colectiva de autores portugueses e a do francés Christophe Blain achegamos aos barrios o cómic internacional. Esta recuperación de contidos internacionais para o festival é unha das chaves para redimensionar o evento”, sinala xa poñendo a vista na edición do vindeiro ano.
Internacionalización e potenciación do talento galego
Por iso, a dirección de Viñetas vai seguir no camiño de recuperar contidos expositivos de ámbito internacional, pero tamén, potenciando, ao mesmo tempo, o talento galego con novos contidos que permitan ampliar o escaparate dos novos talentos do país. “A expo de Rubén Rial, autor do cartel, os premios Castelao ou a de ‘Castelao en BD’ de Inacio e Iván Suárez son unha boa mostra das intencións arredor da banda deseñada galega”, afirma Cráneo.
“Como director estou satisfeito co resultado, as cifras falan por si mesmas, pero non me conformo con isto. Vexo moitas cousas que mellorar en moitos ámbitos do festival e seguirei traballando arreo para facer novos avances na seguinte edición”, aclara. De feito, destaca que unha das clave importantes “destes resultados tan bos” foi sumar colaboradores e apoios económicos. “Aí está o gran esforzo que fai o Concello”, sinala.
Viñetas Show
Este Viñetas 2025 tamén veu cargado de concertos gráficos e actuacións en vivo, incluíndo o espectáculo de Víctor Coyote e o concerto ilustrado de Hombre Tigre con actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, ademais da proxección do documental Quinografía e un Late Night Show con entrevistas a autores, presentado por Neves Rodríguez. “É un formato que é un acerto, que funciona, que á xente lle gusta e polo que seguiremos apostando e impulsando en futuras edicións”, destaca Manel Cráneo.
Talleres e espectáculos
Ademais, o Viñetas Mini trouxo talleres diarios con autores convidados na Sala Municipal de Palexco, espectáculos nas Bibliotecas Municipais e a tradicional Rúa da BD, que encheu a feira do cómic coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, con máis de 100 actividades, entre elas sinaturas, charlas, presentacións, visitas guiadas e masterclasses nos Xardíns de Méndez Núñez. Por suposto, tampouco faltaron os talleres e revisión de portafolios por parte de editores na sección Viñetas Pro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.