Desde 2009, a empresa pública posibilitou a recuperación de 82.010 toneladas de aceiro e 2.666 de aluminio
A Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) ten propiciado desde 2009 a reciclaxe dun total de 84.676,24 toneladas de envases metálicos: 82.010,03 toneladas de aceiro e 2.666,21 de aluminio.
No caso do aceiro, 68.092.43 toneladas foron seleccionadas de entre os residuos en masa (bolsa negra) depositada polos cidadáns en contedores verdes convencionais, e 13.917,60 toneladas procedían dos amarelos (bolsa amarela), que deben acoller os envases de plástico, as latas e os bricks.
En canto ao aluminio, 1.953,15 toneladas foron extraídas do residuo convencional e 713,06 do recipiente amarelo.
Se ben os envases de aceiro e aluminio deben ser depositados pola poboación neste último contedor, o certo é que aínda seguen chegando ás instalacións de Sogama mesturados co lixo xenérico, polo que é a empresa pública a que procede á súa selección automática a través de mecanismos tales como electroimáns e correntes de Foucault.
Unha vez segregados, estes materiais son enviados aos centros de reciclado, onde se converten en novos produtos para ser reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida, garantindo así o aforro de enerxía e materias primas.
De feito, as posibilidades de recuperación do aceiro e do aluminio non teñen límites, toda vez que constitúen recursos inesgotables e permanentes capaces de manter íntegras as súas propiedades independentemente do número de veces que se reciclen.
Neste sentido, e a modo de exemplo, dicir que coa reciclaxe de 1 quilo de latas de aceiro afórrase enerxía suficiente para manter acesa unha lámpada de 60 W durante dous días. Pola súa parte, a enerxía que se aforra reciclando unha soa lata de aluminio pode facer funcionar un televisor durante tres horas.
Récord de reciclaxe de envases metálicos en Europa
Segundo informou Metal Packaging Europe, organización que representa aos produtores e provedores de envases de metal ríxido en toda Europa, en 2013 recicláronse máis de 3 millóns de toneladas de envases de aceiro e aluminio, alcanzando unha taxa de reciclado do 74,7%, a máis alta conseguida ata o momento. Concretamente, recicláronse o 71,3% das latas de aluminio e o 75,2% dos envases de aceiro, representando estas cifras un incremento do 1,1% respecto ao ano 2012
Con esta mellora, o sector dos envases metálicos dirixe agora os seus esforzos cara o cumprimento do obxectivo voluntario de acadar o 80% de reciclaxe destes materiais no ano 2020.