Friday 10 de October de 2025

Alternativa esixe melloras nas webs municipais de Cambre e Culleredo


Os voceiros de Alternativa en Cambre e Culleredo denuncian as deficiencias das webs dos seus respectivos Concellos e reclaman melloras para garantir unha comunicación institucional máis transparente e útil para a veciñanza.

 

En Culleredo, esixen explicacións polo atraso na renovación da web municipal, mentres que en Cambre reclaman o restablecemento inmediato do acceso ás sesións plenarias a través da páxina web municipal, inactivo desde abril.

En Culleredo, Alternativa xa impulsou a creación da actual Sede Electrónica do Concello, mediante unha moción aprobada por unanimidade, na que o goberno municipal acadou o compromiso de poñer en marcha unha web renovada. A nova versión foi anunciada para marzo, pero o proxecto aínda non viu a luz. Porén, o grupo municipal insistiu en obter aclaracións que dende o goberno de Culleredo sinalaron que se esta a traballar no tema e que agardan que a nova páxina web sexa unha realidade antes de final de ano.

Unha das demandas para esta web é o acceso ás videoactas das sesións plenarias, servizo que hoxe tamén reivindicou o grupo Cambrés na Xunta de Goberno Local, incidindo en que se restableza canto antes o acceso dos plenos en diferido. En Cambre, a propia alcaldesa confirmou que se está a traballar nunha solución.

Ambos voceiros de Alternativa concordan en que facer públicas as videoactas é esencial para que á veciñanza poida seguir con fidelidade a actividade municipal, e reiteran o compromiso de Alternativa coa transparencia e a comunicación pública eficaz.

Deja un comentario