Friday 10 de October de 2025

O Máster Plan de Coruña Marítima, licitado cos cambios que facilitan o acceso ao concurso


As Bases foron enviadas ao Diario Oficial da Unión Europea e xa están dispoñibles na Plataforma de Contratación do Estado, cun prazo de presentación ata o 5 de novembro

Ademais de axustar os criterios de solvencia que indicou o Tribunal de Recursos Contractuais, modifícanse na mesma liña outros apartados de arquitectura e urbanismo, para dar coherencia a todo o prego

Á licitación realizada o 28 de maio presentáronse 11 candidaturas, cunha importante participación de UTEs que engloban a 36 empresas internacionais, nacionais e locais

O Máster Plan de Coruña Marítima saíu hoxe de novo a concurso público cos cambios que se aprobaron no último Consello de Administración da Autoridade Portuaria, orientados a facilitar o acceso de profesionais á licitación. O acordo foi enviado este luns ao Diario Oficial da Unión Europea e hoxe xa está dispoñible na Plataforma de Contratación do Estado. O prazo para presentar candidaturas ábrese ata o 5 de novembro.

Poderán presentarse todos os profesionais e empresas que estean interesados, que deberán cumprir os requisitos de solvencia que esixe o procedemento, como ocorre en calquera concurso público, e contar cos equipos necesarios para desenvolver o proxecto.
As bases da licitación manteñen a necesidade de que as candidaturas que opten a redactar o Máster Plan conten con equipos multidisciplinares, nos que haxa profesionais con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, hidroloxía, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos, dado que se trata de reordenar un ámbito superior a un millón de metros cadrados nunha contorna complexa e diversa. Ademais do Máster Plan en si, o adxudicatario deberá redactar numerosos documentos complementarios.

A nova licitación responde á resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, por mor dos recursos que presentaran varios arquitectos. Así, valoraranse proxectos previos de urbanismo en cidades de máis de 10.000 habitantes, fronte a poboacións de máis de 150.000 habitantes que se pedían no prego anterior. E, en canto a proxectos anteriores en edificios dotacionais, puntuaranse as referencias previas en edificios con orzamentos superiores a 5 millóns, en lugar de 100 millóns de euros.

En calquera caso, só será necesario que un dos membros do equipo teña esta experiencia previa.
Ademais, co obxecto de lle dar coherencia a todo o prego, axústanse na mesma liña outros requisitos de solvencia, non só no campo da arquitectura, senón tamén no da enxeñería, de forma que se admitirán traballos previos máis sinxelos. A licitación que se realizou o pasado 28 de maio xa obtivera unha ampla concorrencia, cunha importante participación de UTE (once en total), que engloban a un total de 36 empresas do ámbito internacional e local, así como de firmas nacionais con delegación na Coruña.

Prazos

O prazo estimado para seleccionar o adxudicatario estímase nun máximo de 12 meses, polo que está previsto que o concurso estea resolto a principios do outono de 2026, momento no que o gañador xa terá que publicar unha maqueta de todo o proxecto. A partir de aí, deberá presentar no verán-outono de 2027 o Máster Plan e todos os anexos e documentos complementarios.
Despois, unha vez que se empece a traballar sobre os desenvolvementos e as pezas concretas do ámbito portuario e ferroviario, iranse convocando concursos concretos para cada un dos espazos.

As bases do concurso, cun importe total de 3.015.000 euros, determinan dúas fases. Nunha primeira fase, seleccionaranse un máximo de cinco candidaturas entre as ofertas que se reciban. Na selección teranse en conta a experiencia dos equipos en traballos previos, o currículo e os premios obtidos na súa traxectoria profesional. Búscase tamén primar a calidade e complexidade dos traballos previos, non a cantidade.

Cada unha das cinco ofertas será valorada con criterios que terán en conta a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos. Nesta avaliación, da que sairá a adxudicataria do Máster Plan, o órgano de contratación apoiarase nun comité de expertos.

Acordos estratéxicos

O Máster Plan deberá cumprir cos catorce acordos estratéxicos aprobados pola Comisión Coruña Marítima, así como coas conclusións do proceso de participación cidadá. Os acordos recollen diversas medidas para reforzar a actividade portuaria, impulsar novas actividades económicas, mellorar a mobilidade na cidade e as conexións coa área metropolitana, construír equipamentos públicos (entre eles un edificio emblemático que caracterice a intervención), e potenciar as zonas verdes e a sustentabilidade en toda a área.

O Máster Plan abarcará todo o ámbito do porto interior, desde o dique de abrigo ata a dársena de Oza e a estación de mercadorías de San Diego. Deberá ser ambicioso, innovador, propositivo e flexible, cun proxecto que reflicta a esencia da Coruña. Tal como se recolle expresamente nas bases, a solución proposta debe ser “coruñesa”, que entenda a escala e o espírito da Coruña.

Deja un comentario