
— Ángeles Vázquez explica que as entidades locais reciben agora 130 €/t polo novo acordo marco asinado en xullo cos scraps para xestión destes residuos e poden acceder a 440 €/t adicionais por actividades de reutilización de pequenos aparatos
— Galicia aposta por involucrar aos cidadáns nun modelo de consumo consciente e respectuoso co medio ambiente ao reciclar un maior volume destes refugallos
A Xunta celebra que, entre xullo e outubro, un total de 174 concellos galegos decidisen adherirse voluntariamente ao convenio para a xestión do residuos eléctricos e electrónicos (RAEE) e puidesen beneficiarse do incremento das compensacións, que pasaron dos 96 euros/tonelada que recibían ata agora aos 130 euros/tonelada que fixa o novo convenio asinado hai tres meses cos os Sistemas de Responsabilidade Ampliada dos Produtores (scraps).
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe na inauguración do VII Congreso Nacional de Xestión de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, que reúne na Coruña a 300 expertos, empresas, institucións e representantes europeos para analizar as normativas vixentes e intercambiar experiencias relacionadas coa economía circular, a innovación e a protección do medio ambiente.
Ademais de dar a benvida a todos os participantes, avogou por un equilibrio entre a protección ao medio ambiente e o desenvolvemento económico e social. Na súa intervención, tamén apelou á necesidade de que creadores de aparatos electrónicos e eléctricos, empresas de reciclaxe e xestoras de residuos, concellos e scraps sumen esforzos para mellorar os datos de recollida dos refugallos electrónicos, propiciando unha segunda vida para os aparatos e recuperando ás materias primas que se ocultan no seu interior.
Neste contexto, a titular de Medio Ambiente manifestou que a Xunta de Galicia ten firmado recentemente un novo convenio marco con 10 SCRAPs -dos 11 existentes- que estará vixente ata 2028 e que aportará beneficios significativos para todos os actores implicados, en especial para os concellos.
Tras lembrar que os concellos son a segunda canle de recollida de residuos eléctricos -por detrás dos propios puntos de distribución comercial dos aparatos-, sinalou que é chave a súa implicación na xestión de refugallos electrónicos e na concienciación aos cidadáns.
Neste contexto, explicou que desde o pasado mes de xullo os concellos e entidades locais de Galicia poden adherirse voluntariamente ao convenio marco para a xestión de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), que foi asinado entre Xunta e scraps cun incremento do 35% nas compensacións previstas con respecto ao último acordo asinado.
En concreto, detallou que, en tres meses, un total de 174 concellos optaron por sumarse ás novas compensacións pola xestión de refugallos eléctricos e electrónicos e perciben 130 euros/tonelada, que son 34 euros máis por tonelada que antes. Ángeles Vázquez destacou tamén que, de forma adicional, haberá compensacións de ata 440 euros/tonelada pola realización de actividades de preparación para a reutilización de RAEE.
Así, a titular de Medio Ambiente animou ao resto de concellos e entidades locais a que adhiran tamén a este convenio marco para beneficiarse do incremento das compensacións. Defendeu que hai que seguir animando ás Administracións locais a sumarse a este convenio marco porque é un instrumento chave para facilitala recollida, mellorar a coordinación e achegar a reciclaxe ao cidadán.
Involucrar aos cidadáns
Outro dos aspectos fundamentais é, segundo a conselleira, sensibilizar e involucrar aos cidadáns nunha xestión responsable e eficiente dos residuos eléctricos e electrónicos, así como nun consumo consciente e respectuoso co medio ambiente.
Para logralo, avogou por transmitir que calquera persoa pode acceder á recollida de aparatos sen coste no domicilio ou pode depositalos en puntos limpos ou en establecementos comerciais. Apuntou como un paso decisivo lograr entre todos que os consumidores comprendan e participen da recuperación deste tipo de aparellos.
Por último, Ángeles Vázquez animou aos asistentes ao Congreso a sensibilizar e difundir que recuperar os RAEE contribúe a evitar danos no medio ambiente e reducir as emisións de CO2; a recuperar materias primas valiosas -como o litio e o cobalto- e evitar ter que recorrer á minería e a un elevado gato de enerxía. Tamén puxo en valor a repercusión no compromiso social e no emprego local e a lograr evitar a dependencia doutros países en canto ao acceso a materias primas.
Por último, rematou lembrando que unha xestión responsable dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos non é simplemente unha obriga legal nin unha moda, senón que é unha oportunidade única de forxar un modelo de consumo máis consciente, de xerar oportunidades de emprego e desenvolvemento económico e de deixar ás próximas xeracións un planeta máis limpo, con menos vertedoiros e máis bosques.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.