Os exames estanse a realizar, nos seus catro niveis, entre esta fin de semana e a vindeira en Santiago e Ponferrada
Este sábado comezaron as probas de acreditación da lingua galega (Celga) en Santiago de Compostela e Ponferrada (dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria), e nas que resultaron admitidas máis de 2.000 persoas.
O responsable da Secretaría Xeral de Política Lingüística -organismo encargado da organización dos exames-, Valentín García, visitou os centros de Santiago que acollen as probas, para comprobar o bo funcionamento do sistema coas máis de 1.000 persoas convocadas neles ás probas do Celga 4, nivel ao que se lle asignou a primeiro día de exercicios.
O secretario xeral de Política Lingüística destacou nesta xornada “a importancia que a formación en lingua galega para adultos ten para o proceso de normalización lingüística”. Valentín García aproveitou para engadir que “as probas Celga permiten acreditar o nivel de galego a aquelas persoas que non tiveron acceso durante a súa formación regrada a contidos en lingua galega, ao tempo que potencian, adquiren e melloran as súas competencias no idioma propio”.
Celga 1, 2 e 3
O domingo é a quenda para os convocados ás probas do Celga 2, que se levarán a cabo na Escola Galega de Administración Pública (Santiago) e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (León). En total, unhas 1400 persoas están chamadas a exame esta primeira fin de semana de probas.
O sábado 9 e o domingo 10 están asignados para os admitidos nos niveis Celga 3 e Celga 1, respectivamente.
A información relativa a persoas admitidas, lugares e horarios das probas Celga pódese consultar no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
Convocatoria Celga 2016
A Consellería de Cultura e Educación reorganiza, con esta convocatoria, a loxística pola que se vén desenvolvendo o sistema de acreditación do Celga desde a súa implantación no ano 2007. Por primeira vez, contarase nas probas con profesorado Celga que desde o ano pasado forma parte do persoal propio deste departamento. Logo dun proceso de formación, entre os meses de xaneiro e marzo, este persoal está capacitado para avaliar as probas de acreditación da lingua galega, entre outros cometidos.
Tamén se coordina o desenvolvemento de cursos e probas Celga, para o que se establece un cronograma anual conxunto que contempla a celebración dos exames inmediatamente despois do desenvolvemento dos cursos preparatorios.
O sistema Celga
O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
O sistema Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).