Esta cita anual congregou a representantes de máis de trinta asociacións vinculadas ao fenómeno xacobeo en Polonia
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, asistiu no día de hoxe á reunión do chamado ‘Parlamento Jacobeo’ de Polonia que tivo lugar na cidade de Wroclaw.
Esta cita anual, que cada edición congrega a un maior número de participantes, reuniu a representantes de máis de trinta asociacións vinculadas ao fenómeno xacobeo no país polaco.
Durante a sesión, cada asociación realizou unha presentación do seu traballo para a continuación, compartir impresións e experiencias.
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, en representación de Turismo de Galicia, presente por vez primeira neste foro, agradeceu a todos os colectivos o importante traballo que realizan na investigación, sinalización e promoción dos itinerarios xacobeos.
Ao tempo, Rafael Sánchez ofreceu aos representantes das asociacións a colaboración de Turismo de Galicia para impulsar a súa actividade.
A participación do xerente do Xacobeo pretende incrementar as relacións de Turismo de Galicia con este amplo tecido asociativo xacobeo.
Xa no pasado ano o Primeiro Encontro Mundial de Asociacións de Amigos do Camiño, celebrado en Santiago de Compostela, contou coa participación de representantes de dúas asociacións polacas.
Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago
As Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago constitúen un dos axentes que contribúe máis positivamente á difusión do Camiño e a súa promoción.
Estes colectivos conforman un entramado de máis de 300 asociacións de peregrinos espallados polos cinco continentes.
En todas partes do mundo podemos encontrar dende importantes asociacións como a de Holanda, con máis de 12.000 asociados, o American Pilgrims, con 34 capítulos espallados polos Estados Unidos, ata numerosas asociacións en Alemaña, Francia ou España de carácter máis local..
O seu labor de información, de entrega de credenciais, de sinalización, de actividades, congresos e publicacións, conforman un dos piares básicos no impulso da peregrinación a Santiago de Compostela.