Friday 10 de October de 2025

O Concello de Muxía inicia as obras de mellora do Centro de Información á Muller (CIM)


O Concello de Muxía vén de iniciar as obras de mellora e adecuación do Centro de Información á Muller (CIM), unha actuación que conta cun orzamento total de 37.268 euros, financiados ao 100% pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Os traballos teñen como obxectivo adaptar as instalacións do CIM á normativa vixente, mellorando as condicións de intimidade, accesibilidade e independencia necesarias para ofrecer un servizo de atención ás mulleres en condicións óptimas.

O alcalde de Muxía, Javier Sar, destacou que “estas melloras son fundamentais para seguir ofrecendo un servizo público de calidade, respectuoso e confidencial. O CIM é un espazo esencial na nosa política social e dende o actual goberno consideramos prioritaria a súa modernización e adaptación ás necesidades reais das usuarias”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Aurelia Picallo, subliñou que “con estas obras o Concello de Muxía dá un paso máis no compromiso coa igualdade e coa protección das mulleres. O novo espazo permitirá atender con maior privacidade, comodidade e eficacia a todas aquelas mulleres que acoden ao CIM buscando apoio e asesoramento”.

O Centro de Información á Muller de Muxía ofrece servizos de información, orientación xurídica, atención psicolóxica e apoio social, sendo un recurso fundamental na loita contra a violencia de xénero e na promoción da igualdade de oportunidades.

Deja un comentario