
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, e a impulsora do festival, Nuria Prieto, presentaron hoxe a programación, organizada ao abeiro da Semana da Arquitectura 2025
Mañá, o Salón Real acollerá o acto informativo sobre as cinco obras arquitectónicas que se situarán en diversos espazos públicos da Cidade Vella, todas elas visitables
A Cidade Vella acollerá desde mañá, martes 7, o festival Atmósferas, unha iniciativa pioneira programada ao abeiro da Semana da Arquitectura 2025, e que suporá, na práctica, o primeiro festival de arquitectura efímera contemporánea que se realiza en Galicia
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, presentou esta mañá a axenda de actividades prevista ata este domingo 12, data de clausura. Serán, en definitiva, seis días consecutivos nos que se convida á cidadanía a reflexionar sobre os espazos públicos da cidade a través da arquitectura, valorando o seu impacto na vida cotiá das persoas que habitan nas urbes.
No acto de presentación do festival Atmósferas, o edil estivo acompañado por Antonio Sánchez, profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da UDC, e por Nuria Prieto, idéologa desta proposta apoiada polo Concello e polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Prieto destacou, precisamente, que este tipo de festival non existía ata agora no noroeste de España, “e nesta primeira edición, ademais de permitirnos ser creativos, tamén abrirá reflexións sobre a cidade”.
A programación completa de actividades, xa dispoñible na web do festival, ten un dos seus pratos fortes na instalación de cinco obras visitables, pezas arquitectónicas que naceron froito da colaboración entre profesionais da arquitectura, o deseño e a construción. Estarán situadas na praza de Azcárraga, a colexiata de Santa María, a praza das Bárbaras, o atrio do Goberno militar e Porta de Aires. Poderán visitarse desde o venres ata o domingo, e serán visibles tanto de día como de noite, ata as 23.00 horas, xa que contarán cunha iluminación especial.
Mañá, ás 18.00 horas, as obras presentaranse nun acto aberto que terá lugar no Salón Real do Palacio Municipal de María Pita, e ao que acompañará unha conferencia de Eduard Callis, xa a partir das 19.00 horas.
Será o punto de partida dun ciclo de conferencias que incluirá tamén unha de Xevi Bayona no salón de actos da ETSAC (xoves, 13.00 horas) e de Arturo Lezcano (sábado, 13.00 horas) na praza de Santa Bárbara. Ademais, haberá percorridos guiados polo festival tanto o venres como o sábado.
As persoas interesadas en contar con máis información, ademais de contar coa páxina web do festival, tamén disporán dun stand informativo na praza dos Anxos, onde persoal voluntario da ETSAC solventará calquera tipo de dúbida das persoas visitantes. Francisco Díaz Gallego amosou a súa esperanza de que “Atmósferas sexa un festival que chegue para quedarse. Temos moitas expectativas de que sexa un éxito e confiamos en que sexa o primeiro moitos anos máis celebrándoo na Coruña”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.