Friday 22 de November de 2024

A Tarxeta Benvida xa conta con máis de 1.000 familias beneficiarias e máis de 2.500 solicitantes


Máis dun milleiro de familias xa están a usar a tarxeta para comprar alimentos, produtos de hixiene e produtos farmacéuticos para os seus bebés

Máis de 1.000 familias galegas xa recibiron a Tarxeta Benvida, unha medida en pro da demografía galega que está a obter a resposta da sociedade dentro do Programa de Apoio á Natalidade. Deste xeito, máis dun milleiro de familias xa están a usar a tarxeta para comprar alimentos, produtos de hixiene e produtos farmacéuticos para os seus bebés. Ademais, as solicitudes presentadas polos pais e nais galegos para obter esta axuda xa superan a cifra de 2.500.

A Tarxeta Benvida consta dunha axuda económica directa de 100 euros mensuais por un ano. O obxectivo desta medida é contribuír a sufragar os gastos básicos que supón o nacemento ou adopción dun fillo ou filla durante os seus primeiros doce meses de vida.

Neste sentido, cómpre lembrar que teñen dereito á Tarxeta Benvida aquelas familias que acrediten a través da súa última declaración en Facenda que a renda da unidade familiar non supera os 45.000 euros; e nos casos en que si se supera esta cantidade, cando a renda per cápita non sexa superior aos 13.500 euros. A previsión do Goberno galego é que un mínimo de 8 de cada 10 familias galegas están en disposición de recibir esta tarxeta moedeiro, ou o que é o mesmo, máis do 80% dos fogares galegos. Para isto, a Xunta habilita un financiamento plurianual de 18 millóns de euros.

O prazo de presentación das solicitudes da Tarxeta Benvida é de 2 meses contados dende o día seguinte a aquel en que se produza o nacemento ou se constitúa a adopción. A Xunta resolverá cada unha destas solicitudes nun prazo máximo de 3 meses contados dende o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro.

Dentro das medidas en pro da demografía, Galicia é a Comunidade Autónoma con maiores deducións por natalidade. Ademais, cómpre destacar a posta en marcha de novos recursos para favorecer a conciliación laboral e familiar. Deste xeito, a ratio de cobertura de escolas infantís para o vindeiro curso escolar 2016-2017 sobe de novo ata acadar o 37%, catro puntos máis que no presente curso, e cumprindo con creces a ratio aconsellada pola Unión Europea. O vindeiro curso escolar, as familias galegas disporán dun total de 22.316 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís que dependen da Xunta de Galicia ou nas que participa a administración autonómica.

Apoio ás familias e á infancia
A Tarxeta Benvida non é unha acción illada senón que forma parte dun programa máis amplo que garante o benestar das familias galegas, apoiándoas de forma integral e continua con feitos e medidas concretas. A Tarxeta Benvida é unha das novas medidas de apoio á familia e á infancia que a Xunta está a desenvolver ao abeiro do Programa de Apoio á Natalidade (PAN). Trátase dun ambicioso paquete de iniciativas coas que se procura dar resposta ás necesidades dos pais, garantir o benestar das familias e apoialas de maneira continua.

Deste xeito, no que respecta ás PAN-Axudas destacan liñas de apoio como a Tarxeta Benvida ou outras complementarias como o incremento da dedución fiscal por nacemento ou adopción de fillos, a prestación do pagamento único por fillos menores de 3 anos ou a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo daquelas familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais e aos menores en situación de acollemento familiar. Tocante ao eixo PAN-Concilia destaca o Bono Concilia para os pais que non teñan praza nas escolas infantís públicas, o Bono Coidado que pon a disposición das familias que viven no rural un recurso de conciliación, ou as casas niño, unha rede de coidadores para menores de 0 a 3 anos que viven en zonas rurais. Por último, no PAN-Servizos enmárcanse outras prestacións como as prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos ou as bonificacións adicionais para as familias numerosas como no prezo do transporte metropolitano.

Todas estas medidas que a Xunta está a poñer en marcha seguen a liña doutros países europeos como Francia, Finlandia ou Noruega. Para o financiamento da Tarxeta Benvida cóntase cun orzamento total de 18 millóns de euros, 9 millóns de euros destinados a cada unha das anualidades de 2016 e 2017.