
· Preto dunha trintena de veciños participaron o venres na primeira saída realizando un tramo do Camiño de Santiago.
Os talleres de memoria, baile e os roteiros saudables conforman o programa de envellecemento activo do Concello de Abegondo. Unha oferta completa coa que se busca brindar alternativas de lecer que promovan a saúde física, mental e a participación social dos veciños e veciñas máis maiores. Como parte do programa, unha trintena de persoas tomaron parte na primeira dos roteiros, cubrindo un tramo do Camiño de Santiago en dirección Ardemil. A actividade continuará nas próximas semanas con dúas novas saídas.
O segundo roteiro terá lugar o venres, 10 de outubro, e, na mesma, continuarán o seu percorrido cara a Ordes. A última saída será o venres, 24 de outubro, cando emprenderán o roteiro cara a Sigüeiro.
Talleres de memoria e baile
O Concello organiza, un ano máis, os seus talleres de memoria en Abegondo, Viós e Sarandós. Na capital municipal celébranse no Centro da Terceira Idade todos os martes. As sesións en Viós levan a cabo os xoves no local social e no caso de Sarandós, os mércores.
En canto ás clases de baile, son os mércores no salón San Tirso de Mabegondo. Ao longo das leccións, os usuarios e usuarias practican en grupo e aprenden estilos como a bachata, o merengue, a salsa etc.
As persoas interesadas poderán anotarse nas distintas propostas no departamento de Servizos Sociais ou chamando ao teléfono 981 647 909.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.