
Ao longo desta semana irá botando a andar en distintas localizacións a actividade das escolas culturais e de ximnasia para persoas maiores e, de feito, algunha das propostas, como é o caso das sesións semanais de música moderna, xa empezou a semana pasada. San Sadurniño iniciará o curso 2025-2026 cunhas 115 persoas participantes nas distintas disciplinas ofertadas, tal e como indica a relación de preinscricións recollida polo Concello nas últimas semanas. Iso si, despois de anotarse é imprescindible formalizar a matrícula, algo que poderá facerse a través da sede electrónica, no rexistro municipal ou, preferiblemente, na oficina da Casa da Cultura.
O Concello dispón dun modelo xeral de formulario para as escolas culturais e deportivas e outro específico para as actividades de música moderna e música e movemento, que forman parte da oferta municipal como curso independente das escolas. En calquera dos dous casos, as persoas preinscritas teñen que cubrir o formulario correspondente e rexistralo pola Sede Electrónica ou presencialmente na Casa da Cultura. Canda el tamén haberá que cubrir a folla de autoliquidación (incluída no formulario), efectuar o pagamento -por transferencia, domiciliación ou pagando con tarxeta- e acompañar a solicitude co correspondente resgardo conforme se satisfixo o importe correspondente.
Se acudimos en persoa á Casa da Cultura poderemos cumprimentar a folla no momento e pagar directamente a matrícula e o primeiro trimestre mediante TPV e, se queremos, domiciliar os recibos, que é a opción máis cómoda.
Cómpre ter en conta que a matrícula e o primeiro trimestre só deberá pagarse nas escolas de gaita, pandeireta, baile tradicional e ximnasia de mantemento, mentres que música moderna e música e movemento, ao tratarse de cursos, teñen unha cota mensual específica e non hai o requisito da matrícula.
No caso das escolas -recordamos: gaita, pandeireta, baile tradicional e ximnasia de mantemento para persoas maiores– o prezo xeral son 19€ de matrícula e unha cota trimestral de 37,73€. As persoas menores de 18 anos, as maiores de 65, estudantes, titulares do Carné Xove, pensionistas e membros de familias numerosas, terán que aboar 18,17€ de matrícula e 25,16€ de cota trimestral. As situacións especiais acreditadas por Servizos Sociais poderán participar de balde nas escolas.
Se falamos de música moderna, a cota para maiores de 6 anos son 50€ mensuais. A segunda persoa inscrita da mesma unidade familiar terá que pagar 40€ e da terceira en diante, 30€. Unha nai e unha filla, por exemplo, pagarían 90€ mensuais polas clases que, lembremos, son personalizadas. Outro exemplo para entender como van os prezos deste curso: se fosen dous irmáns menores de 18 anos, o prezo serían 80€… e se fosen tres, 90 euros. O grupo de música e movemento -orientado a nenas e nenos de entre 3 e 6 anos- ten un prezo único de 25€ por participante.
115 persoas anotadas
As escolas e os cursos de música e música e movemento suman a día de hoxe un total de 115 preinscricións. Os grupos de ximnasia de mantemento para persoas maiores, integrados por 36 persoas, reuniranse -en quendas de 16:00 a 17:00h e de 17:15 a 18:15h- os luns primeiro en Naraío e despois en Lamas, os martes en Igrexafeita, os mércores en Naraío e Santa Mariña, os xoves en Igrexafeita e os venres en Santa Mariña e Lamas. En San Sadurniño e Bardaos non se xuntaron grupos este ano.
As outras escolas culturais quedan igual que o ano pasado, con sesións dunha hora de duración: gaita, con 10 participantes, os martes -ás 19:30h iniciación e ás 20:30h perfeccionamento-; pandeireta, na que se preinscribiron 9 persoas, seguirá os mércores -18:30 iniciación e 19:30h perfeccionamento- e baile tradicional, con 14 persoas anotadas, volverá ser os xoves de 20:00 a 21:00h. As dúas primeiras terán lugar no local social de Naraío, mentres que baile continuará na Casa da Cultura.
Por outra banda, os cursos de música moderna e música e movemento distribuirán os seus horarios entre as 15:30 e as 21:30h os mércores na Casa da Xuventude. Esta actividade é a máis numerosa, con 37 perosas preinscritas na parte de instrumentos e combos -hai lista de agarda- e 9 nenas e nenos anotados para música e movemento.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.