Friday 10 de October de 2025

O Concello inicia a implantación do quinto contedor na cidade


Os primeiros colectores de fracción resto comezan a instalarse esta semana e se rotularán todos para que a cidadanía se adapte con facilidade ao cambio

A cidade estrea unha campaña para facilitar a adaptación ao novo modelo de separación do lixo

O Concello da Coruña inicia esta semana a implantación do quinto contedor na cidade, destinado á fracción resto, un proceso que se desenvolverá de forma progresiva ata finais de ano. A medida supón un paso máis na modernización do sistema municipal de recollida e xestión de residuos, co obxectivo de seguir avanzando cara a un modelo máis sostible e eficiente impulsado polo Goberno de Inés Rey.

Os primeiros colectores, relatou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, comezarán a instalarse esta semana no barrio de Novo Mesoiro, e iranse incorporando ao resto dos distritos nos vindeiros meses. En total, máis de 9.600 contedores serán rotulados para facilitar que a veciñanza identifique con claridade o tipo de residuos que deben depositarse en cada un. Ademais, máis de 5.000 contedores cambiarán a súa tapa para pasar de “inorgánico” a “fracción resto”, a un ritmo medio de 100 colectores ao día, co fin de completar a renovación antes de finais de ano.

A iniciativa, promovida polo Goberno municipal, inclúe tamén a incorporación dun código QR en cada colector que dirixirá á web municipal con toda a información práctica sobre o novo sistema.

A principal novidade deste proceso está en que o tradicional contedor de inorgánicos se divide agora en dous: o amarelo, para envases, e o gris, para o resto. “Na Coruña levamos décadas separando a fracción orgánica e a inorgánica grazas á planta de Nostián, polo que este cambio supón un novo paso adiante na xestión responsable dos residuos”, explicou Neira.

Deste xeito, o sistema de separación queda configurado da seguinte maneira:
● Contedor azul, para papel e cartón.
● Contedor verde, para vidro.
● Contedor marrón, para residuos orgánicos.
● Contedor amarelo, para envases (bricks, latas, botellas e envases de plástico, bolsas, bandexas de cortiza branca, tapas, etc.).
● Contedor gris, para elementos non reciclables (restos de barredura, cabichas, cueiros, produtos de hixiene, utensilios de madeira ou metal, anacos de louza…).

O Concello traballou tamén nun redeseño dos roteiros de recollida para integrar a nova fracción resto, garantindo que os contedores sigan situados preto das vivendas e sen perda de prazas de aparcamento, indicou Neira. Ademais, implementarase un sistema de seguimento continuo para avaliar a eficacia do cambio e asegurar unha adaptación progresiva e ordenada.

Como parte desta transición, o Goberno de Inés Rey porá en marcha unha campaña de comunicación integral, con accións en medios, redes sociais e rúas da cidade. A iniciativa inclúe tamén o envío dunha carta da alcaldesa a todos os fogares, explicando os cambios e ofrecendo á cidadanía, entidades e colectivos interesados a posibilidade de organizar charlas informativas e encontros veciñais para resolver dúbidas sobre o novo modelo de separación e reciclaxe.

Deja un comentario