O Concello celebrará unha asemblea este mércores, 8 de outubro, ás 20.00 horas no auditorio da Biblioteca da Pobra.
O encontro servirá para expor as diferentes alternativas para variar o sistema actual e para recoller, así mesmo, as inquedanzas e suxestións da cidadanía.
A Pobra quere involucrar á veciñanza no deseño do seu futuro modelo de recollida de lixo. Para conseguilo, o Concello celebrará unha asemblea veciñal este mércores, 8 de outubro, ás 20.00 horas no auditorio da Biblioteca da Pobra. Tal e como avanzou o concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, este encontro buscará un dobre obxectivo: “dunha banda, expor á cidadanía as distintas alternativas para modernizar o sistema de xestión de residuos e, doutra, recoller as súas inquedanzas e peticións de cara a elixir a mellor opción posible”.
Durante a conferencia de prensa que tivo lugar esta mañá, o concelleiro explicou que se continúa traballando na próxima licitación do novo servizo. Con todo, de cara a escoller o sistema máis axeitado para as necesidades do municipio, o Concello encargou un informe a unha compañía no que se especifica a situación actual e no que se propoñen, ademais, diversas alternativas para mellorar esta prestación.
Durante a súa intervención, o edil enumerou algúns dos resultados obtidos tras o estudo elaborado pola empresa. Entre eles, destacou a porcentaxe de residuos reciclados de xeito adecuado, que é inferior ao 20%. Así mesmo, indicou que a cifra de vidro separado de xeito incorrecto chega ao 50%. Ante estes números, Piñeiro incidiu na necesidade de “mellorar as cifras en todas as fraccións e de modernizar o sistema actual”. Neste sentido, apuntou os prexuízos a nivel medioambiental, pero explicou tamén que as novas normativas europeas e estatais “fixan un maior desembolso naqueles concellos que non separan o lixo de xeito axeitado, e isto vai ter un impacto directo entre a veciñanza”.
A nova licitación traerá consigo a implantación dun novo sistema, pero tamén a renovación dos contedores. Así mesmo, o Concello porá en marcha campañas de concienciación para promover o uso axeitado dos colectores entre a cidadanía.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.